O Teatro Colón acollerá o 16 de marzo a gala dos premios culturais da Deputación

ACoruñaXa
A gala foi presentada este luns pola deputada de Cultura, Natividade González; a condutora da velada, a actriz Sabela Arán, e Lucía Aldao, de Aldaolado, un dos dous nomes, canda Satélite Salitre, que lle poñerán música á noite
Imaxe da presentación da gala dos premios culturais da Deputación da Coruña
26 Feb 2024

O Colón acollerá un ano máis a gran festa anual do departamento de Cultura da Deputación da Coruña. A gala no teatro coruñés será o 16 de marzo e neste mesmo escenario no que subirán as persoas e entidades galardoadas, presentouse esta mañá a gala da man da deputada de Cultura, Natividade González; a condutora da velada, a actriz Sabela Arán, e Lucía Aldao, de Aldaolado, o proxecto de musical e de poesía escénica que comparte con María Lado.

A música das Aldaolado soará na cerimonia de entrega, na que tamén actuará Satélite Salitre, un dos que recollerán premio esa noite —peza deseñada pola escultora Soledad Penalta—, como gañador do Concurso Fran Pérez “Narf”. As entradas poderanse retirar, de balde, na taquilla do Colón desde as 18.30, media hora antes do comezo da gala.

"Esta gala", dixo Natividade González na súa intervención, "é a celebración do traballo colectivo e individual de creadores e creadoras, pois estes premios non só recoñecen o talento de cada un, senón que tamén impulsan o desenvolvemento cultural e artístico do país". "Pero, ademais", engadiu, "esta gala é un compromiso renovado co apoio da Deputación da Coruña ás artes e á cultura".

A deputada explicou a importancia dos certames que convoca a Deputación. "O talento da nosa provincia e do país está máis que demostrado, e estes premios representan, en moitos dos casos, unha excelente plataforma para que artistas e creadores e creadoras emerxentes teñan recoñecemento e apoio, que devolven á sociedade en forma de enriquecemento do panorama cultural, cun grande impacto, pois promoven a innovación, a expresión creativa e o intercambio cultural".

Tamén se referiu á labor do seu departamento a prol da creatividade. "O apoio activo a creadores e creadoras é dunha liña de traballo prioritaria que o noso departamento vén desenvolvendo desde hai anos, con iniciativas sólidas e estables coma estes premios culturais, pero tamén con outras como as Residencias Artísticas Mariñán ou o Fondo de proxectos culturais Reino de Galicia".

Pola súa banda, a actriz Sabela Arán referiuse á concepción escénica da gala, na que a iluminación volverá ser protagonista. "Xirará arredor do concepto de luces de tempada, que quere simbolizar un pouco a transición entre o inverno e a primavera, con ese estoupido de cores e de luces, pero tamén de vida e de movemento; nun xeito de facernos reflexionar sobre a interacción entre a natureza e a creatividade humana, sen deixar de man o renacer das ideas, esas ideas que conforman o tecido cultural que nos fai sentir unha identidade como sociedade".

Da importancia da cultura e do traballo que desenvolve a Deputación da Coruña falou Lucía Aldao. "A cultura é a expresión e xestión de valores dunha comunidade; e a través dela, de compartila, achegamos mensaxes e entendemos o contexto no que vivimo"», afirmou. "Por iso é de celebrar que a administración facilite que o financiamento chegue a todas as capas do sector cultural. A liña de traballo estable e sólida da Deputación é loable; nós estamos contentas co traballo desta institución, que se traduce nestes premios, nesta gala e en moitas da propostas da programación do departamento provincial de Cultura".

Listaxe de premiados:

  • César Cequeliños, Premio Torrente Ballester de narrativa en lingua galega.
  • Anna María Blasco e  Jesús María Antón, Premio Torrente Ballester de narrativa en lingua castelá.
  • Alberto Ramos, Premio Rafael Dieste de teatro.
  • Paula Mayor, Premio Castelao de banda deseñada, na modalidade xeral.
  • Cristian Fojón, Premio Castelao de banda deseñada, na modalidade LIX.
  • Berio Molina, Certame Isaac Díaz Pardo de artes plásticas.
  • Juan Carlos Escudero, Premio Internacional Jesús Núñez de arte gráfica.
  • Francisco J. Reyes, Premio Luis Ksado de creación fotográfica.
  • Rafael Fernández, Premio Raíña Lupa de literatura infantil e xuvenil.
  • Eduardo Soutullo, Premio Andrés Gaos de composición musical.
  • Satélite Salitre, Concurso Fran Pérez Narf para grupos e artistas musicais.
  • Blanca Paula Rodríguez, Premio Manuel Murguía de ensaio.
  • Luz Fandiño, Premio Begoña Caamaño á acción cultural pola igualdade de xénero, galardón á traxectoria.
  • A Morada Nosa, sociedade cooperativa, Premio Begoña Caamaño á acción cultural pola igualdade de xénero, galardón á iniciativa.

 

 

 

0.18452906608582