O Teatro Colón acollerá a estrea de 'Sophie non é o meu nome de guerra', premio Rafael Dieste

O Teatro Colón será o escenario o venres 23 de maio ás 20.00 horas da estrea de 'Sophie non é o meu nome de guerra', unha coprodución de Redrum Teatro e a Deputación da Coruña que adapta o texto homónimo polo cal Roberto Pascual acadou en 2021 o Premio Rafael Dieste, certame convocado de forma bienal pola área de cultura da institución provincial. Así o trasladaron a deputada de cultura, Natividade González; o autor do texto, Roberto Pascual; a directora da obra, Laura Míguez e a actriz Alixa Ladson.
A deputada amosou a súa “satisfacción” ao “ver como unha das obras premiadas nos nosos premios literarios, neste caso no Rafael Dieste de textos teatrais – o único destas características en Galiza –, se transforma nun espectáculo teatral que se estreará nun lugar tan emblemático como o Colón”. “Ademais”, engadiu, “para nós é un orgulloso esta colaboración con Rendrum Teatro para levar aos escenarios a obra, dándolle vida a unha desas historias que forman parte do noso catálogo de obras premiadas”.
Baseada en feitos reais, este espectáculo traza dende as táboas unha viaxe emocional e xeográfica entre Camerún e A Coruña, un duro periplo vital no que a protagonista, Sophie, se enfronta á violencia da trata das mulleres, ás restritivas políticas migratorias e á hostilidade que agroma nos países de acollida, tanto a que vén dada pola animosidade institucional como pola invisibilidade que arrodea as mulleres migrantes.
Ao longo da obra, dividida en doce cadros, coñecemos a orixe da protagonista na súa natal Yaoundé, capital de Camerún, as súas lembranzas da infancia e a riqueza da cultura popular de África antes de achegarnos ao seu éxodo, que a levou por Malí e Alxeria para despois chegar a Melilla, Valencia, Francia e, ao final, á Coruña