O Teatro Colón acollerá a cuarta edición da Gala da Cultura da Deputación

O Teatro Colón vestirase de gala o xoves 10 de abril para acoller a Gala da Cultura da Deputación da Coruña ás 19.00 horas. Un evento que firma a súa cuarta edición con fin de converterse un ano máis no escaparate da creación galega e xa consolidada como una cita imprescindible onde teñen visibilidade e recoñecemento o traballo e o talento de artistas, músicos e músicas, escritores e escritoras, colectivos e proxectos culturais da provincia.
Ao escenario do Colón subirán para recibir o seu galardón, deseño da escultora Soledad Penalta, as gañadoras e gañadores dos premios convocados polo departamento provincial de Cultura en 2024: o Torrente Ballester de narrativa, o Castelao de banda deseñada, o Raíña Lupa de literatura infantil e xuvenil, o González Garcés de poesía, o Antonio Fraguas de artesanía, o Fran Pérez 'Narf' de música, o Begoña Caamaño á acción cultural pola igualdade de xénero, o Jesús Núñez de arte gráfica e o Luís Ksado de fotografía.
Moi en sintonía cunha acción cultural da Deputación que quere tecer redes con toda a súa programación, o novo tradicionalismo –a reinterpretación e revitalización da cultura e as tradicións galegas desde una perspectiva contemporánea e innovadora– será o fío condutor da gala. Presentaraa a xornalista Susana Pedreira, coa colaboración dunha intérprete de lingua de signos, nunha velada con dirección artística de Thais Suárez, música de Alana, danza da compañía de Fran Sieira, imaxe audiovisual de Nela Fraga –que participa cunha peza audiovisual creada a partir de imaxes do Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade do Museo do Pobo Galego– e deseño de roupa de La Mapache e de José Matteos.
Especial protagonismo terá o encaixe de Camariñas, presente no escenario, no vestiario, en todos os elementos gráficos da gala e no vestíbulo do Colón, onde palillarán artesas da Mostra a partir das 18.00 horas.
Os premiados
- Torrente Ballester de narrativa: Maria Dolores Rodríguez (en lingua galega) e Jose Antonio Bonet (en lingua castelá).
- Castelao de banda deseñada: Sandra López (modalidade xeral) e Laura Suárez (modalidade LIX).
- Raíña Lupa de literatura infantil e xuvenil: Érica Esmorís (modalidade infantil) e Rosa Aneiros (modalidade xuvenil).
- González Garcés de poesía: Gonzalo Hermo.
- Antonio Fraguas de artesanía: Borja Canedo (modalidade tradicional) e Ezequiel Franchi (modalidade contemporánea).
- Fran Pérez 'Narf' de música: Carabela.
- Begoña Caamaño á acción cultural pola igualdade de xénero: María Encarnación Otero (premio á traxectoria) e Asociación Andar cos tempos (premio á iniciativa).
- Jesús Núñez de arte gráfica: Jose Andrés Santiago.
- Luís Ksado de fotografía: Vicente Fraga.