O Teatro Colón acolle un novo concerto da Banda Municipal de Música da Coruña

ACoruñaXa
A formación continúa co seu Ciclo de Inverno e interpreta un repertorio inspirado nos ventos que azoutan a cidade
Imaxe do Teatro Colón da Coruña
8 Feb 2025

A Banda Municipal de Música da Coruña (BMMC) continúa co seu Ciclo de Inverno este domingo 9 de febreiro cun novo concerto no Teatro Colón, ás 12.15 horas. Nesta ocasión, a formación interpretará un repertorio inspirado nos ventos que azoutan a cidade durante os primeiros meses do ano.

O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, destacou a singularidade desta actuación, “inspirada nesa esencia da Coruña como unha urbe habitada polo vento”. Por este motivo, a Banda apostará por composicións nas que os instrumentos de vento terán un papel protagonista, comezando coa obertura The Winds of Poseidon, de R. W. Smith.

A continuación, interpretarase unha sinfonía de James Curnow, na que o músico Pedro Martínez Juncal asumirá o papel de solista. Natural de Vilanova de Arousa, Juncal foi o último gañador do concurso de interpretación do Conservatorio Superior de Música da Coruña, o que lle permite tocar como solista coa Banda Municipal.

O director titular da BMMC, Juan Miguel Romero Llopis, destacou a traxectoria de Juncal, quen colaborou con bandas profesionais como a Banda Militar de Marín e a propia Banda Municipal de Música da Coruña. Ademais, participou en numerosos certames nacionais e internacionais desde que iniciou a súa carreira co bombardino. Actualmente, forma parte da Banda Unión Musical de Meaño.

O concerto continuará con obras de Johan de Meij e Derek Bourgeois, e a entrada será libre ata completar a capacidade do Teatro Colón.

0.16762185096741