O Teatro Colón acolle o concerto en recordo do mestre Rogelio Groba

ACoruñaXa
Con máis de 720 composicións no seu catálogo, Groba deixou a súa pegada na música galega e española
Imaxe do Teatro Colón da Coruña
4 Feb 2025

O Concello, en colaboración coa Fundación Rogelio Groba, celebra o seu tradicional concerto en recordo do mestre Rogelio Groba. O evento, que se celebrará o sábado 8 de febreiro no Teatro Colón ás 20.00 horas, terá como protagonista á Orquestra de Cámara Galega, baixo a dirección de Rogelio Groba Otero.

Este concerto, xa consolidado no calendario cultural da cidade, serve para celebrar o legado dun dos compositores máis prolíficos e influentes de Galicia e España. O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, animou á cidadanía a asistir a esta actuación, que promete transportar o público polo inconfundible universo musical de Groba.

O programa do concerto inclúe algunhas das obras máis significativas do compositor. Entre elas destaca Grovios, un ciclo etnográfico inspirado na tribo celta que habitou entre o sur de Galicia e o norte de Portugal, segundo os estudos de Vicente Risco. Esta peza, concibida desde unha perspectiva puramente estética, evoca as raíces culturais galegas e a profunda sensibilidade do mestre Groba. Sobre o seu proceso creativo, o compositor manifestou: “Acudo á metamorfose dos datos musicais extraídos dos nosos cancioneiros populares, arroupados por unha linguaxe moi persoal que xa hai tempo que se fixo carne na miña sensibilidade”.

Tamén se interpretará a suite neobarroca 'Intres boleses', baseada en danzas antigas e unha das primeiras composicións ‘in modo antico’ do mestre. Escrita en 1978, esta obra recibiu o Premio da Crítica Galega en 1979 e reflicte a mestría de Groba na fusión entre tradición e innovación. Ademais, o programa inclúe Sarabanda sobre un tema de Haendel, unha composición que destaca pola súa elegancia e profundidade. Como broche final, interpretarase a estrea absoluta dunha das moitas composicións inéditas de Groba, un momento especial e memorable dentro do concerto.

Con máis de 720 composicións no seu catálogo, Rogelio Groba deixou unha pegada imborrable na música galega e española. O seu legado abrangue unha gran diversidade de xéneros, desde óperas e sinfonías ata ballets, música de cámara e de banda, consolidándose como un piar fundamental da cultura musical contemporánea.

0.16207408905029