O Teatro Colón acolle ‘A conexión atlántica’ entre A Coruña e as músicas chegadas do Oeste

ACoruñaXa
A actriz Diana Sieira presentará un espectáculo, con dirección técnica de Tomi Legido
conexion-atlantica-coruña-2025
24 Jan 2025

O jazz, o soul, o blues, o gospel e o rock, músicas negras chegadas do Oeste que empaparon a vida cultural coruñesa, soarán no Teatro Colón o 2 de febreiro, ás 19.30 horas, nun concerto programado polo departamento de Cultural da Deputación que reunirá catro formacións locais: Filloa'zz Quintet, Imägo, Greasy Belly e Rockers Go To Hell.

A actriz Diana Sieira presentará un espectáculo, con dirección técnica de Tomi Legido, que será “a merecida homenaxe a todas as emocións que chegan dende un país tan variado en  canto a estilos musicais, moitos deles coa creatividade das músicas negras con orixe en África, como son os Estados Unidos”, en palabras de Legido.

Coas catro bandas compartirán escenario varias músicas e músicos convidados, “nunha tarde para degustar as voces e instrumentos de artistas da Coruña e da súa área metropolitana”, resume Legido.

A reserva de entradas, de balde, xa está aberta nas webs do Colón e de Ataquilla.

As bandas

Habituais dun dos templos galegos do jazz, o Filloa coruñés, Filloa'zz Quintet presentarán no Colón unha formación con Iago Mouriño, Ricardo Formoso,  Pablo Añón, Miguel Cabana e Simón García, quen contarán coa colaboración das cantantes Marian Ledesma, Leticia Rey e Caye Mariño.

Imägo (Inés Naya e David Castro) levarán ao Colón o blues de máis fondas raíces, logo de facerse un oco no panorama do país con proxectos nomeados a premios coma o Martín Códax e de acompañar nos escenarios a artistas da talla de Iván Ferreiro, Siniestro Total ou The Jesus and Mary Chain.

David Vázquez (voz e guitarra), Ramón Vázquez (batería), Alberto Cañás (baixo) e Miguel A. Suárez (guitarra) son Greasy Belly, formación que naceu para celebrar en formato acústico a homenaxe ás grandes cancións do rock, country, antes de escribir os seus propias temas, incorporados en 2023 ao seu primeiro LP, Suck The Belly In, masterizado en Estados Unidos por Justin Perkins. Para o concerto do Colón contará coa colaboración, nas voces, de Leticia Rey e Inés Naya e JC Nogueira, guitarrista de EXIT.

Rock and roll, rockabilly e surf representan o espírito de Rockers Go To Hell (Álvaro Dorda, Óscar Caramés, Mikelini Martínez e Kiko Iglesias),  máis que unha banda tributo a Elvis Presley, Gene Vincent, Johnny Burnette, Eddie Cochran, Warren Smith, Link Wray, Jerry Lee Lewis e Conway Twitty. O seu repertorio renóvase constantemente con máis e máis himnos da época dourada e a solvencia interpretativa e espectáculo visual da banda refórzase con cada actuación. Ademais de por Galicia, levaron a súa música por festivais de Estremadura, Euskadi e outras comunidades do estado, e foron banda residente dos pubs coruñeses Garufa, cun concerto semanal durante 7 anos, e Dublín. Tamén terán un convidado sorpresa.

0.16167092323303