O taxi en A Coruña sobe a presión e chama á rúa contra os VTC

ACoruñaXa
Radiotaxi e Teletaxi convocaron para o 25 de marzo unha manifestación entre o Obelisco Millennium e O Parrote co foco posto no control dos servizos urbanos e na demora dunha ordenanza específica
A CORUÑA taxis
20 Mar 2026

O conflito entre o taxi e os VTC vivirá o vindeiro 25 de marzo un novo capítulo na Coruña. As dúas asociacións maioritarias do sector, Radiotaxi e Teletaxi, convocaron unha manifestación que arrancará ás 11.00 horas no Obelisco Millennium e rematará arredor das 13.00 horas na explanada de O Parrote. A mobilización nace coa intención de denunciar o que o gremio considera unha falta de control municipal sobre vehículos con autorización VTC interurbana que, segundo sostén, están a prestar servizos dentro da cidade. O sector avanzou ademais que manterá servizos mínimos durante a protesta.

A convocatoria eleva o ton dun pulso que leva meses medrando. Ata agora xa se rexistraran caravanas e concentracións promovidas por taxistas nos últimos meses, pero esta vez son as propias asociacións maioritarias as que asumen directamente a protesta, o que dá unha nova dimensión ao malestar do colectivo. O fondo da reclamación mantense intacto: o taxi entende que existe competencia en desigualdade de condicións e reclama unha resposta máis rápida tanto no control da actividade como na tramitación das sancións.

A mobilización chega, ademais, cunha ordenanza municipal aínda en fase embrionaria. O Concello iniciou o 15 de xaneiro a consulta pública previa para elaborar unha norma específica sobre o transporte urbano de persoas en vehículos con persoa condutora. A concelleira de Mobilidade, Noemí Díaz, presentouna como un primeiro paso e vinculouna tamén á realización dun estudo técnico que determine se é preciso autorizar servizos urbanos de VTC e baixo que criterios de seguridade viaria e sustentabilidade. O proceso de consulta estivo aberto durante dous meses.

Mentres esa regulación non chega, a batalla segue nos expedientes. O Concello comezou xa a tramitar as actas de infracción remitidas pola Xunta e impuxo 14 sancións por un importe conxunto de 16.000 euros. Segundo os datos publicados en febreiro, os servizos municipais tramitaran 62 informes dun total próximo aos 180 enviados polo Goberno galego. Ese avance, porén, non chegou para desactivar a protesta, xa que o sector considera insuficiente o ritmo co que se está actuando e insiste en que a presenza destes vehículos segue aumentando na cidade.

Desde María Pita, a alcaldesa Inés Rey defendeu nas últimas semanas que o Concello está a cumprir coa lei e cos procedementos sancionadores, ao tempo que trasladou a responsabilidade política á Xunta. O goberno local reclama desde hai meses que a administración autonómica deixe de conceder autorizacións sen un estudo previo da demanda e sen un marco común para Galicia. Nese choque a varias bandas, o 25 de marzo converterase nunha nova demostración de forza dun sector que xa non quere esperar máis por unha solución definitiva.

0.12045693397522