O talento e a innovación empresarial brillan na VII edición dos Premios PEL de la Deputación

ACoruñaXa
A presente edición fixo historia ao rexistrar unha participación récord con 127 candidaturas presentadas
dep-pel
21 Jun 2025

O Campus Tecnolóxico Cortizo, en Padrón, acolleu unha nova edición da gala dos Premios PEL da Deputación da Coruña, uns galardóns que chegan á súa sétima edición convertidos xa nun referente para o tecido empresarial da provincia. Nesta ocasión, fixéronse con eles CLUN (Cooperativas Lácteas Unidas S.C.G), Espazo Nature Retreat S.L. e Somadrome Films S.L., que recibiron 20.000 euros cada unha polo seu compromiso co emprendemento, a sustentabilidade e a innovación.

A presente edición fixo historia ao rexistrar unha participación récord, con 127 candidaturas presentadas nas tres categorías: 31 na de Iniciativa Emprendedora, 79 na de Traxectoria Empresarial e 17 propostas polo xurado para a de Proxección e Innovación Sostible.

“Esta alta participación demostra que os Premios PEL interesan, que son necesarios e que están plenamente consolidados como un referente no ecosistema empresarial da provincia”, afirmou o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, durante a gala. Engadiu que “cada candidatura é unha mostra de ilusión, de traballo e de compromiso co territorio”, e destacou que “estes premios visibilizan proxectos que están a transformar o noso rural, a nosa economía e a nosa sociedade”.

Formoso tamén quixo poñer en valor o Plan de Emprego Local (PEL), definíndoo como “un dos proxectos máis transformadores da Deputación da Coruña”, cun investimento acumulado de 120 millóns de euros, máis de 7.700 empregos creados e apoio directo a 2.700 pemes e 4.000 persoas autónomas. “Detrás de cada unha destas cifras hai nomes, proxectos e soños compridos e, sobre todo, hai moito futuro”, sinalou.

Durante a súa intervención, o presidente tamén reivindicou o papel clave do rural e da muller emprendedora: “Vivimos nun territorio onde cada posto de traballo que se crea nun concello pequeno pode significar que unha familia quede ou que unha persoa nova decida emprender alí o seu proxecto de vida. Esa é a nosa loita: facer do rural unha oportunidade, non unha desvantaxe”.

As empresas premiadas

Na categoría de Iniciativa Emprendedora, o premio foi para Espazo Nature Retreat, S.L., un proxecto turístico situado no espazo natural de Razo-Baldaio, en Carballo. Desde marzo deste ano, ofrece aloxamento sostible en cabanas ecolóxicas, vilas e tendas de glamping, cunha capacidade total para 70 persoas. Tamén conta cun restaurante baseado en produtos locais e instalacións orientadas ao benestar. O proxecto conta coas certificacións Q de Calidade Turística e S de Sostibilidade.

Somadrome Films, S.L., produtora audiovisual con sede en Oroso, recibiu o Premio á Traxectoria Empresarial. Fundada en 2017, destaca pola súa especialización en documentais científicos e culturais para o mercado internacional, con máis de 15 producións emitidas en plataformas como Netflix, ARTE, Discovery Channel, BBC ou Al Jazeera.

Na categoría de Proxección e Innovación Sostible, o recoñecemento foi para CLUN: Cooperativas Lácteas Unidas S.C.G., entidade de referencia no sector lácteo galego formada pola fusión de Feiraco, Os Irmandiños e Melisanto. Con sede en Negreira e 3.500 socios, CLUN aposta pola transformación sostible, a formación e a dinamización do rural.

Accésits e recoñecementos especiais

O xurado tamén concedeu accésits de 5.000 euros a tres empresas:

  • Orixe Salgada, S.L., pola súa biorrefinería de algas de arribazón transformadas en produtos de alto valor sen residuos.
  •  La Pradera Online, e-commerce especializado en produtos de alimentación para pequenas mascotas con máis de 32.000 usuarios.
  • Galopín Playgrounds, S.L., empresa de Cerceda pioneira en deseño de parques infantís e biosaudables a nivel internacional.

A gala incluíu tamén dous recoñecementos especiais. A xornalista Fernanda Tabarés foi homenaxeada pola súa traxectoria no sector audiovisual e pola defensa do papel da muller nos medios. Pola súa banda, o empresario Severino Escurís Batalla recibiu unha distinción pola súa dilatada carreira no sector conserveiro galego, a piques de cumprir cen anos.

Con esta nova edición, os Premios PEL afianzan a súa posición como un dos recoñecementos máis prestixiosos do emprendemento en Galicia, visibilizando o papel das empresas como motores de transformación económica e social.

⚙ Configurar cookies
0.11582517623901