O talento drag galego toma A Coruña no Atlantic Pride 2025

O Atlantic Pride continúa coa súa programación este luns, 7 de xullo, cunha das xornadas máis esperadas do cartel: a que reúne o mellor talento drag queen galego sobre o escenario da Praza de Pontevedra. Entre as 20.00 e as 00.30 horas, desfilarán pola cidade iconas queer como Yasmine Lutar, Liteah e RRRITA, dentro dunha segunda xornada marcada polo espectáculo, a reivindicación e o humor máis satírico.
“É xa unha cita consolidada, non só no municipio, senón tamén na comarca”, sinalaba o alcalde Sergio Platas na clausura doutro evento da fin de semana, e esta segunda sesión do Atlantic Pride promete manter ese nivel de entusiasmo e asistencia.
A música tamén será protagonista co directo da cantante e produtora santiaguesa ELBA, que subirá ao escenario ás 22:00h cunha proposta de electrónica pop de vangarda chea de atmosferas sonoras, sintetizadores e toques operísticos. A DJ La Kristhofer será a encargada de abrir e pechar a noite, coas súas sesións ás 20:00h e 23:45h, respectivamente.
Un cartel diverso e vibrante
A xornada comezará con La Kristhofer aos pratos, dando paso ás actuacións de Yasmine Lutar (21.00 horas), Liteah (21.30 horas), ELBA (22.00 horas) e RRRITA (23.15 horas), nunha combinación de estilos e enerxías que reflicte a diversidade da escena artística galega.
Yasmine Lutar, orixinaria de Pontevedra, comezou no drag aos 17 anos e consolidouse en Santiago como unha das figuras máis potentes do panorama. A súa estética combina o glamour clásico do pin-up coa sensualidade escura dunha femme fatale.
Liteah, tamén compostelá, é unha das impulsoras da Drag Night, un evento que deu visibilidade ao talento drag local e trouxo a Galicia a artistas de renome nacional como Marisa Prisa ou La Bella Vampi. A súa presenza no Atlantic Pride supón un recoñecemento ao labor de dinamización da escena queer galega.
Pola súa parte, RRRITA representa a paixón polos ritmos latinos, a liberdade e a sensualidade a través do movemento e o vestiario coidado ao detalle. As súas actuacións son un espectáculo visual cargado de carisma e intensidade.
O Atlantic Pride, un referente no verán galego
Coñecido como o ‘Orgullo do Norte’, o Atlantic Pride celebra este 2025 a súa sexta edición cunha programación que se estenderá do 6 ao 13 de xullo. O evento, de carácter gratuíto e inclusivo, está impulsado pola Asociación Orgullo Coruña (ORCO) co apoio do Concello da Coruña, a Deputación e patrocinadores privados como Estrella Galicia e Coruña The Style Outlets.
A pasada edición reuniu máis de 25.000 persoas e nesta ocasión o festival regresa cun elenco que combina grandes divas do pop como Edurne, Merche ou Judeline, coa nova escena galega —con nomes como Agoraphobia, LERIA ou De Ninghures— e unha destacada presenza de artistas LGTBIQ+.
O Atlantic Pride 2025 tamén reserva espazo para a literatura co IV Certame Literario LGTBIQ+, e acollerá citas paralelas como a ‘Afterpartie Raíña-me!’ o sábado 12 no Claro Boba!, con actuacións de Alexa Evans, Marisa Prisa e Kim Miller.