O subdelegado do Goberno analiza coa veciñanza a seguridade no barrio dos Mallos

ACoruñaXa
Julio Abalde reúnese coa directiva da Asociación de Veciños Os Mallos Plataforma, que reclama un seguimento policial continuado para manter a convivencia nun barrio que cualifican de tranquilo e solidario
A CORUÑA delegado con veciños mallos
14 Dec 2025

O subdelegado do Goberno na Coruña, Julio Abalde, mantivo unha xuntanza coa directiva da Asociación de Veciños Os Mallos Plataforma para abordar a situación de seguridade neste barrio coruñés e escoitar de primeira man as inquedanzas da veciñanza. Na reunión participaron as representantes da entidade, Pilar Neira, Mónica Lodeiro e Natalia San Vicente, que trasladaron unha mensaxe clara: malia algúns episodios puntuais, Os Mallos continúa a ser, ao seu xuízo, un barrio esencialmente tranquilo, solidario e cun forte tecido comunitario.

Desde a asociación solicitaron á Subdelegación do Goberno que se manteña un seguimento constante por parte das forzas e corpos de seguridade, co obxectivo de garantir que este clima de convivencia se consolide e non se vexa alterado por incidentes illados. Pola súa banda, Julio Abalde concordou con esta visión e subliñou que os datos oficiais de seguridade tanto da cidade como do conxunto de Galicia avalan esa percepción de normalidade, lembrando que a comunidade galega é actualmente a terceira máis segura de todo o Estado.

A Asociación de Veciños Os Mallos Plataforma, que agrupa máis de 400 socios e socias, leva preto de oito anos traballando en defensa dos intereses do barrio, primeiro como plataforma veciñal e, nunha fase máis recente, como asociación formalmente constituída. Ao remate da xuntanza, desde a Subdelegación do Goberno e desde a entidade veciñal amosaron a súa disposición a manter abertos os canais de comunicación para continuar colaborando en materia de seguridade e mellora da calidade de vida do barrio.

⚙ Configurar cookies
0.077766895294189