O sopranista Samuel Mariño debuta en Galicia na 73ª Tempada Lírica da Coruña

ACoruñaXa
O venezolano actuará o 24 de novembro no Teatro Colón, xunto ao pianista Jonathan Ware, nun recital barroco con obras de 'Lumina' e 'Sopranista!'
A CORUÑA samuel mariño
15 Nov 2025

O sopranista venezolano Samuel Mariño debutará en Galicia o vindeiro 24 de novembro, dentro da 73 Tempada Lírica de Amigos de la Ópera da Coruña. A cita será no Teatro Colón, ás 20.00 horas, e contará tamén coa participación do pianista Jonathan Ware, co que presentará un programa centrado no barroco, con arias incluídas no seu segundo álbum, 'Lumina', así como pezas do seu anterior traballo, 'Sopranista!', nominado a dous premios Opus Klassik.

O concerto supón unha ocasión singular para que o público coruñés poida escoitar en directo a unha voz definida pola crítica internacional como unha das máis interesantes do panorama lírico actual, un raro exemplo de soprano masculino que rompe coas fronteiras tradicionais de xénero na ópera. O artista, contratado en exclusiva polo selo Decca, chega á cidade herculina despois de sumar éxitos en escenarios de Australia, China, Canadá e diversos países europeos, onde foi recibido como un dos cantantes máis atrevidos, transgresores e reivindicativos da súa xeración.

As entradas para asistir á gala están á venda a través da plataforma ataquilla.com e no despacho de billetes situado na praza de Ourense, con prezos desde 21 euros, ata completar aforo.

Antes deste recital, a programación vencellada á 73 Tempada Lírica incluirá unha derradeira sesión cinematográfica na Filmoteca de Galicia, coa proxección da película 'Annette', de Leos Carax, o 20 de novembro ás 20.30 horas, con acceso gratuíto ata encher a sala.

A tempada pecharase cunha das grandes citas deste ano: a primeira representación en programa coruñés da única ópera de Claude Debussy, 'Pelléas et Mélisande', que se ofrecerá o 5 de decembro no Teatro Colón ás 19.00 horas. Nesta ocasión, a Orquestra Sinfónica de Galicia estará dirixida polo mestre José Miguel Pérez Sierra e contará cun elenco que combinará voces nacionais e internacionais. As entradas están igualmente dispoñibles en ataquilla.com e na praza de Ourense.

Como prólogo a esta función, o 4 de decembro o xornalista e divulgador Rubén Amón encargarse dunha conferencia previa arredor da ópera de Debussy. A charla terá lugar ás 19.00 horas en Afundación, con entrada libre ata completar capacidade, e servirá para contextualizar a obra e achegar claves para a súa escoita ao público asistente.

⚙ Configurar cookies
0.070961952209473