O Sindicato Labrego retoma en Ordes as sesións de ‘Compartindo Saberes e Sabores’ con obradoiros mensuais

O Sindicato Labrego Galego volverá poñer en marcha ao longo de 2026 as sesións de ‘Compartindo Saberes e Sabores’ na comarca de Ordes, unha iniciativa que se celebrará o primeiro venres de cada mes e que busca manter vivos coñecementos tradicionais ligados á vida cotiá no rural.
A seguinte xuntanza terá lugar o venres 6 de febreiro, ás 11.00 h, na casa de Eva Beres, no lugar de Espenica. Despois dunha experiencia o ano pasado na que se elaboraron queixos, nesta ocasión a actividade centrarase na preparación de pan, un alimento básico que a organización presenta como parte dos ‘saberes e sabores de sempre’.
Desde o Sindicato Labrego explican que o obxectivo é recoñecer e preservar aprendizaxes transmitidas xeración tras xeración e agradecer a colaboración das veciñas e veciños que comparten o seu tempo e coñecementos. As persoas interesadas en participar poden anotarse contactando co local comarcal no teléfono 981 682 908 ou no correo ordes@sindicatolabrego.gal.