O Sindicato Labrego organzia unha xornada informativa sobre a calidade do leite galego en Abegondo

ACoruñaXa
A xornada incluirá conferencias de expertos e unha visita ao LIGAL para abordar a calidade e as oportunidades do leite de pastoreo
leche sindicato labrego
14 Out 2024

Este martes, 15 de outubro, o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas organizará unha xornada gratuíta en Abegondo baixo o título "Como se determina a calidade do leite galego?". A xornada ten como obxectivo ofrecer unha análise actualizada da situación do sector lácteo galego, así como explorar as oportunidades que ofrece o leite de pastoreo e as tecnoloxías dispoñibles para acreditar a súa calidade.

O evento, que conta co financiamento do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, terá lugar na Casa Azul-Concello de Abegondo (Lugar Igrexa, 26), entre as 11:00 e as 14:00 horas e de 16.00 a 18.00 horas, cun xantar incluído. Durante a xornada, abordarase a situación actual do sector da man de expertos como César Resch Zafra, doutor en Enxeñaría Agrónoma de AGACAL-CIAM, quen falará sobre as oportunidades do leite de pastoreo. Tamén intervirá Laura González González, doutora en Química de AGACAL-CIAM, para explicar as tecnoloxías existentes que permiten acreditar a calidade deste tipo de leite.

A actividade completarase cunha visita ao Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (LIGAL), onde o persoal do laboratorio explicará o seu funcionamento e presentará detalles de interese para as explotacións gandeiras, como o novo sistema de precintado das mostras.

As persoas interesadas aínda poden inscribirse ao longo deste luns chamando ao teléfono 686 936 429 ou enviando un correo electrónico a arzua@sindicatolabrego.gal.

 

0.18930006027222