O Sindicato Labrego Galego convoca unha concentración na Coruña contra o acordo UE-Mercosur

ACoruñaXa
A protesta será o luns 12 de xaneiro, ás 12.00, diante da Delegación do Goberno na Galiza, coincidindo coa data na que Bruxelas pretende avanzar cara á sinatura do tratado
A CORUÑA manifa mercosur
10 Jan 2026

O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) chamou a mobilizarse o vindeiro luns 12 de xaneiro na Coruña contra o tratado de libre comercio entre a Unión Europea e o Mercosur. A organización convoca unha concentración ás 12.00 diante da Delegación do Goberno na Galiza (Praza de Ourense, 11), co obxectivo de amosar o seu rexeitamento a un acordo que, ao seu xuízo, compromete a soberanía alimentaria e pon en risco a agricultura familiar tanto en Europa como en América Latina.

O sindicato advirte de que o pacto favorecería ás grandes multinacionais e ao agronegocio, mentres presiona á baixa os prezos en orixe e dificulta a continuidade das explotacións labregas. Neste sentido, o SLG (integrado en La Vía Campesina) enmarca a convocatoria nunha resposta máis ampla do movemento agrario internacional contra o acordo.

A chamada do SLG chega nun contexto de crecente contestación no sector, con mobilizacións de produtores en diferentes países europeos contra o que consideran unha competencia desleal por diferenzas en custos e esixencias ambientais e sanitarias.

Mentres, a Comisión Europea sinalou nos últimos días que está ‘no bo camiño’ para pechar o proceso e, de feito, Bruxelas convocou unha reunión extraordinaria de ministros de Agricultura para tratar de asegurar apoios e introducir garantías, nunha semana na que se manexa o 12 de xaneiro como data clave no calendario político do acordo.

⚙ Configurar cookies
0.081695079803467