A Teleasistencia da Deputación brinda servizo a 3.846 persoas
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso visitou hoxe no polígono de Agrela (A Coruña) a central desde onde se presta o servizo de Teleasistencia domiciliaria (TAD). Formoso, que estivo acompañado da deputada responsable da área de Política Social, Mar García Vidal, destacou que a día de hoxe o servizo acompaña durante as 24 horas, os 365 días do ano, a 3.846 persoas maiores en 90 concellos da provincia, ofrecendo tranquilidade para elas e as súas familias.
O socialista aproveitou para recordar que a última vez que visitou o centro, foi durante a pandemia e que por aquel entón a Teleasistencia da Deputación atendía a 2.600 persoas. "Hoxe son máis de 3.800 os usuarios e usuarias activas, ampliamos a cobertura á cidade de Ferrol. Ademias, estamos despregando un novo servizo de Teleasistencia Avanzada, que xa utilizan preto de 200 persoas e que vai a ir progresivamente permitindo unha maior autonomía e liberdade de movemento aos usuarios, así como novas funcionalidades como a xeolocalización moi útiles en caso de caída ou accidente”.
O presidente agradeceu tamén o traballo que realizan as operadoras para acompañar aos maiores que viven sós e para dar tranquilidade ás súas familias, que saben que se pasa algo hai alguén pendente ao outro lado do botón vermello durante as 24 horas do día.
Durante a visita, Formoso realizou unha chamada de proba a Ramón, un usuario de Aranga quen explicou a súa experiencia coa Teleasistencia da Deputación: “Estou moi contento co servizo, xa o tiven que usar unha vez cando me picou unha abella porque son alérxico, así que mandaron inmediatamente unha ambulancia”.
Un servizo gratuito a través dos servizos sociais dos concellos
A Teleasistencia da Deputación é gratuíta para os usuarios, cuxo perfil tipo é o dunha muller maior de 80 anos que vive soa, aínda que tamén hai unha pequena porcentaxe correspondente a persoas con algún tipo de diversidade funcional. Calquera persoa pode acceder demandándoo a través dos servizos sociais do seu concello.
Carballo, con 215 persoas usuarias, Narón con 213, Malpica con 127, Oleiros con 125, Ferrol con 119, Ribeira con 108 e Arzúa con 99 usuarios son os municipios da provincia que contan con maior número de persoas beneficiarias do servizo de Teleasistencia
Preto dos usuarios
As teleoperadoras realizan todos os días arredor de 510 chamadas de control desde a central co obxectivo de coñecer o estado de saúde da persoa usuaria ou lembrarlles a hora de toma da medicación. O ano pasado, a central rexistrou un total de 186.281 chamadas. Ademais, os usuarios e usuarias poden chamar á central durante as 24 horas no caso de emerxencias ou accidentes ou, simplemente, cando queiran falar coas operadoras.
A información de cada usuario ou usuaria queda rexistrada nun programa informático, co que se crea un expediente individualizado que permite un seguimento máis completo e eficaz.
O teléfono de información para solicitar a Teleasistencia da Deputación é o seguinte: 900 533 027