O Servizo de Emerxencias de Oleiros realizou 148 intervencións no primeiro trimestre do 2025

O Concello de Oleiros destaca o intenso traballo do seu Servizo Municipal de Emerxencias, que durante os tres primeiros meses do ano levou a cabo un total de 148 actuacións, operando as 24 horas do día, os 365 días do ano. Un labor constante e, moitas veces, silencioso, en defensa da seguridade cidadá.
A tarefa máis habitual durante este período foi a retirada de árbores en espazos públicos, con 57 exemplares retirados por representar un risco para as persoas, ben por enfermidades, mal estado ou polo impacto de temporais.
Ademais, os efectivos actuaron en 17 sinistros de tráfico, dos cales 9 rexistraron feridos; 12 incendios, incluíndo 6 en vivendas, 1 nun vehículo e 5 noutros elementos, así como 9 intervencións en postes e cables, e diversos rescates de animais domésticos.
No apartado de "asistencias técnicas", destacan 6 limpezas de vías públicas, 5 intervencións en saneamentos de tellados, 5 retiradas de obstáculos, 2 actuacións en fachadas, 2 medicións de gas, 2 aperturas forzadas e 2 derrubamentos, ademais doutras revisións e comprobacións preventivas.
Por días da semana, os luns foron os máis activos, con 31 intervencións, seguidos dos xoves, con 26. Pola contra, os sábados foron os máis tranquilos, con só 15 actuacións, seguidos por mércores e domingos, con 16 cada un. Case todas as incidencias tiveron lugar no termo municipal de Oleiros, agás unha intervención puntual no veciño concello de Sada.
Este balance pon de manifesto a importancia do traballo constante e polivalente dun servizo fundamental para a protección e benestar da veciñanza.