O servizo de BiciCoruña amplíase con novas estacións nos Mallos e Monte Alto

ACoruñaXa
As novas estacións inclúen dúas bases eléctricas na rúa Eusebio da Guarda e outra xunto ao centro cívico dos Mallos e unha terceira ao carón do mercado municipal de Monte Alto
A CORUÑA bicicoruña
3 Dec 2025

O Concello da Coruña continúa a súa expansión do servizo BiciCoruña con tres novas bases instaladas entre os barrios dos Mallos e Monte Alto. Esta ampliación responde á demanda dos usuarios e ao estudo dos fluxos de mobilidade detectados, segundo explicou a concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz.

“Entre os diversos perfís existentes, temos os das veciñas e veciños que usan BiciCoruña para desprazamentos laborais, xeralmente dos barrios á zona centro e, en consecuencia, tamén con viaxes de volta en sentido inverso”, indicou Díaz.

As novas estacións inclúen dúas bases eléctricas na rúa Eusebio da Guarda e outra xunto ao centro cívico dos Mallos, un dos principais equipamentos públicos do barrio. Ademais, foi instalada unha terceira base ao carón do mercado municipal de Monte Alto, que abrirá proximamente tras a rehabilitación levada a cabo polo Concello cun investimento de dez millóns de euros.

“A nova estación en Monte Alto incentivará os desprazamentos á contorna con vehículos alternativos e de emisións cero, xa que o novo mercado vai supor un efecto tractor moi importante para o barrio”, subliñou a edil.

Respecto á posta en funcionamento das novas bases, Díaz explicou que “a activación das bases de BiciCoruña é froito dun traballo de continuidade. En primeira instancia, ponse a estación en rúa. Mentres se tramita a alta do subministro eléctrico, tamén é necesario efectuar probas técnicas do sistema e o seu software. Unha vez se comproba que todo funciona correctamente, é cando se dá luz verde para habilitar o uso da base en cuestión”.

⚙ Configurar cookies
0.077486038208008