O servizo BiciCoruña refórzase cunha nova furgoneta de distribución de bicicletas

ACoruñaXa
O Concello aposta pola expansión de BiciCoruña e anuncia a instalación de 36 novas estacións en barrios con alta demanda
Furgoneta BiciCourña
10 Nov 2024

O Concello da Coruña impulsa o servizo de BiciCoruña cunha nova furgoneta eléctrica que axilizará a distribución diaria de bicicletas nas 49 estacións xa existentes. A concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, destacou que esta adquisición é un paso máis no plan de mellora do servizo, que contempla alcanzar as 85 estacións en toda a cidade. Esta ampliación busca responder ao incremento de usuarios e ás novas necesidades de mobilidade en barrios como Xuxán, San Pedro de Visma, A Gaiteira e Palavea.

Díaz explicou que o reforzo do servizo non só atenderá as estacións actuais, senón que tamén permitirá evitar conxestións nas zonas con maior uso, como Porta Real ou a estación intermodal, onde é habitual a alta demanda. "A expansión de BiciCoruña é un traballo continuo, enfocado a mellorar a mobilidade sostible en todos os distritos da cidade", afirmou a concelleira.

Ademais, o Concello vén de adxudicar un novo sistema TIC para BiciCoruña, que asegurará a operatividade das bicicletas eléctricas e mecánicas as 24 horas do día, os 365 días do ano. Este novo software, cuxo mantemento estará a cargo de Serveo Servicios por un período de cinco anos e un investimento de 1,2 millóns de euros, permitirá mellorar a xestión e a dispoñibilidade do servizo para todos os usuarios.

0.16713190078735