O Sergas participa nun proxecto para a resección avanzada de tumores rectais
O Servizo Galego de Saúde e a Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (ACIS, participaron este martes na presentación oficial do produto UNI-VEC para a resección de tumores rectais.
Trátase dun dispositivo multicanle para a resección avanzada de tumores rectais mediante endoscopia flexible e cirurxía endoscópica transanal. Este produto foi desenvolto no marco dunha contratación na modalidade de Compra Pública Innovadora do Plan de Innovación Código 100, a través do procedemento de 'Asociación para a Innovación'.
A presentación do produto tivo lugar nunha xornada no Centro Tecnolóxico de Formación da Coruña, que contou coa participación de profesionais sanitarios que puideron coñecer as vantaxes que supón este novo dispositivo innovador.
Código 100 foi un proxecto desenvolto polo Sergas xunto coa Axencia Galega de Coñecemento en Saúde entre os anos 2016-2020, que contou cun orzamento de 13 millóns de euros co-financiados por fondos do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020, a través dun convenio de colaboración co Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades. A través deste Plan de innovación leváronse a cabo 15 licitacións de Compra Pública Innovadora para o desenvolvemento de diversos produtos ao servizo de profesionais e de pacientes.
O UNI-VEC desenvolveuse a través dunha licitación pública empregando o procedemento de “Asociación para a Innovación” ao reunir as condicións óptimas para a súa aplicación: detección de necesidades de I+D non cubertas pero cun obxectivo moi claro e uns resultados de rendemento que, de alcanzarse coas solucións propostas, poderían adquirirse e introducirse nos nosos procesos clínicos.
Deste xeito, partindo dun preprototipo contratouse o desenvolvemento dunha solución innovadora para a mellora e evolución da tecnoloxía en estado de preprototipo a un dispositivo que poida ser usado en pacientes.
Con este caso de éxito sáldanse as necesidades de avanzar nunha cirurxía sen cicatrices a través de orificios naturais con redución do tempo de realización do procedemento endoscópico ou cirúrxico, así como das complicacións e da recuperación postoperatoria; a reducción de gastos asociados ao proceso que garantan a dispoñibilidade no mercado de dispositivos cun custo sustentable e a posta en valor do coñecemento xerado na organización, a través do proceso de transferencia dos dereitos de explotación da patente pre-existente.