O Seprona desmantela un criadeiro clandestino en Ordes con 250 cadáveres de animais e 171 exemplares en risco vital

A Garda Civil clausurou un centro ilegal de cría de animais que funcionaba no almacén traseiro dun establecemento de Mesón do Vento (Ordes). As condicións de salubridade e benestar eran extremadamente deficientes. O Seprona asumiu a investigación tras unha primeira inspección da Patrulla Fiscal e de Fronteiras de Noia, e practicou a detención do presunto responsable.
No rexistro localizáronse 250 cadáveres de distintas especies —principalmente cans (entre eles 28 chihuahuas) e aves— en diferentes estados de descomposición. Xunto a eles permanecían 171 animais vivos en situación crítica por falta de alimento e auga, con canceiras e gaiolas cubertas de excrementos. Entre os exemplares vivos había cans, chinchillas, cabalos ananos, galiñas, patos e diversas aves; incautáronse tamén especies exóticas e protexidas incluídas no Apéndice II do CITES, como dúas cacatúas rosas e dous guacamaios (vermello e azul e amarelo).
Todos os animais vivos foron retirados e trasladados a centros especializados para a súa recuperación e benestar. Os axentes acháronse, ademais, cun importante acopio de medicamentos e material veterinario de uso profesional sen receita e, en boa medida, caducado.
O Seprona da Coruña instrúe diligencias por presuntos delitos de maltrato animal, posesión ilícita de especies protexidas e intrusismo profesional no ámbito veterinario. As actuacións, xunto co detido, quedaron a disposición do Xulgado de Instrución de Garda de Ordes. A inspección desenvolveuse coa colaboración de inspectores-veterinarios do Servizo de Patrimonio Natural e do SERGAS (Control de Riscos Ambientais) da Xunta de Galicia.