O senior do Arteixo Balonmán fai historia e gaña a Copa Federación en Redondela

O balonmán de Arteixo suma un novo fito. O equipo senior do Arteixo Balonmán proclamouse campión da Copa Federación na final disputada no pavillón A Bombonera, en Redondela, unha xornada que reuniu diferentes finais do balonmán autonómico galego.
O conxunto arteixán, que compite coa denominación de Parrillada La Ronda Arteixo, impúxose ao Martinrez & De Castro BM Bonean Tui por 30-37, nun encontro que lle permitiu conquistar o seu primeiro trofeo.
Desde o club destacan que o éxito chega despois de anos de traballo cun bloque no que teñen peso xogadores da casa, formados na base, e subliñan tamén o papel da bancada, que se desprazou dende Arteixo para apoiar ao equipo na final. A entidade fala dun ‘primeiro título’ para un proxecto que, como senior, conta con poucos anos de traxectoria.
A vitoria en Redondela, ademais do valor deportivo, reforza o crecemento do balonmán local e o tirón social dun club que nos últimos anos vén impulsando a canteira e consolidando equipos en distintas categorías.