O saneamento de Bordelle, en Bergondo, estará operativo este outono tras adxudicarse as obras

O servizo de saneamento no núcleo de Bordelle, na parroquia de Sarandós, estará en funcionamento este mesmo outono. O Concello de Abegondo vén de adxudicar as obras para dotar deste servizo á zona, cun orzamento de 126.033,60 euros.
O contrato formalizarase nos próximos días, polo que os traballos comezarán de maneira inminente. En concreto, o proxecto contempla a instalación de 1.566 metros lineais de colector de saneamento e a execución de 34 pozos de rexistro que se conectarán coa rede xa existente.
O alcalde, José Antonio Santiso, destacou que estas obras son “esenciais para seguir ampliando o saneamento ás zonas do municipio que experimentan un maior crecemento”, tanto en número de vivendas como en solicitudes de licenzas urbanísticas.
Desde o Concello tamén lamentan o retraso acumulado na actuación, prevista desde hai anos, pero que sufriu unha demora importante debido ao incremento xeneralizado dos prezos dos materiais, o que obrigou a actualizar o proxecto.
A dotación de saneamento no termo municipal de Abegondo mantense como unha prioridade nos últimos anos. Á actuación en Bordelle sumaranse tamén novas intervencións con esta mesma finalidade nos núcleos de O Asadiño, Orto e Ardexurxo.