O San Xoán: a gran noite da cidade da Coruña

ACoruñaXa
Cada noite do 23 de xuño, as praias e rúas da cidade da Coruña enchense de xente arredor de fogueiras festexando con familiares e amigos a chegada do verán
Imaxe da noite de San Xoán na Coruña
23 Xuño 2024

Miriam García

Cada noite do 23 de xuño, as praias e rúas da cidade da Coruña enchense de xente arredor de fogueiras festexando con familiares e amigos a chegada do verán. Ademais, pode sentirse no ambiente o olor das diferentes sardiñadas que se acometen por toda a cidade. Estamos a falar da Noite de San Xoán, declarada no 2015 festa de interese turístico internacional na cidade herculina.

En moitos lugares do mundo, especialmente nos países de fala hispana e en Europa, conmemórase esta noite con diferentes rituais e costumes. En xeral, a Noite de San Xoán marca o solsticio de verán no hemisferio norte e asóciase coa celebración do lume, a auga e a renovación. As persoas adoitan acender lareiras, realizar rituais de purificación para espantar ás meigas saltando as fogueiras e lanzar desexos ao lume ou á auga.

Na Coruña, o corazón desta festividade atópase nas praias de Riazor, do Orzán e do Matadoiro, situadas en pleno centro da cidade. Ademais, a rúa de San Xoán acolle durante toda a noite verbenas nos bares e cafeterías situados nela. Dende Os Castros a Monte Alto ou dende Palavea ao Agra do Orzán, pasando por Eiris ou polos Mallos, en calquera esquina de calquera barrio, álzase unha fogueira ou simplemente unha sardiñada comunal coa que festexar a noite máis curta do ano.

Unha olla cara atrás á historia dunha tradición

No século XIX, A Coruña xa celebraba a festa de San Xoán con fogueiras, verbenas e lanzando farois ao ceo. Estas actividades concentrábanse especialmente na zona da Cidade Vella e no barrio da Peixaría. Aínda que foi o Campo da Leña, situado entre os dous barrios, o que acolleu celebración principal entre 1830 e os anos do comezo do século XX. Por aquel entón, a festa duraba dous días, estendéndose ata o día 26 de xuño e culminando cun ripote (unha festa especial) na subida á Torre de Hércules.

Sen embargo, sobre mediados do século XX, a festa do San Xoán acabou por pasar por un momento de declive na cidade herculina. Ata que en xuño de 1970 fundouse a Comisión Promotora das Fogueiras de San Xoán a Coruña, momento no que tivo lugar a primeira gran lumarada na avenida de Calvo Sotelo no centro da cidade. Ademais, tivo lugar a proclamación da primeira Meiga Maior, que foi a coruñesa Estrella Pardo Castiñeiras.

O ano seguinte, a celebración tivo lugar na praza de Portugal e no ano 1992 trasladouse á praia de Riazor, onde cada ano o Concello e diferentes asociacións colocan a faia de San Xoán a cal lle prenden lume a medianoite.

A partir dese momento, a festa foi crecendo ata que en abril do ano 2000 o consello da Xunta de Galicia a declarou Festa de Interese Turístico de Galicia. O 30 de xuño de 2003 foi declarada Festa de Interese Turístico Nacional e en maio de 2015 Festa de Interese Turístico Internacional.

Hoxe, as Fogueiras de San Xoán da Coruña, capaces de reunir nas praias de Riazor e Orzán a máis de cen mil persoas cada Noite da Queima, prolongan no tempo cubrindo máis de corenta e cinco días de programación na que se suceden actos de carácter social, cultural, deportivo e popular. Ademais, o día 24 de xuño é festivo na cidade dende o ano 2014.

0.18547987937927