O sadense Justo Pérez revalida o seu título mundial de remo indoor en veteranos

ACoruñaXa
Rexistrou un tempo de 1:25.8 no ergómetro, quedando a só 6 décimas do récord mundial
sada-remo
19 Feb 2025

O Concello de Sada traslada que o seu veciño Justo Pérez vén de proclamarse de novo campión do mundo na categoría de veteranos de remo indoor, consolidando así o seu destacado palmarés. Pérez, que comezou a practicar este deporte tras xubilarse como bombeiro no aeroporto da Coruña, asinou unha actuación brillante ao rexistrar un tempo de 1:25.8 no ergómetro, quedando a só 6 décimas do récord mundial.

O remeiro de Carnoedo, que compite co Remo Cedeira, impúxose con autoridade ao superar en case 1,2 segundos ao neozelandés Grant Homan, que foi prata, e en preto de cinco segundos ao británico Raymond McAvoy, que completou o podio co bronce.

Con este novo triunfo, o palmarés de Pérez continúa medrando, sumando xa varios títulos en Campionatos de España e do mundo, ademais de diversas plusmarcas nacionais. O seu éxito converteuse nun motivo de orgullo para Sada e para o remo galego, demostrando que a paixón polo deporte non entende de idades.

0.16602611541748