O sábado celébrase a gala dos XI Premios Juan Mayorga das Artes Escénicas no Teatro Colón
Este luns tivo lugar o acto de presentación da gala dos XI Premios Juan Mayorga das Artes Escénicas na Coruña. O evento estivo presidido polo concelleiro da Área de Fomento e Promoción da Cidade, e responsable de Cultura, Gonzalo Castro.
Estes galardóns, cuxo desenvolvemento na cidade promove o Goberno local, recoñecen o traballo do teatro afeccionado a nivel nacional e foron creados por Escenamateur e a Confederación Nacional de Teatro Amateur, e apadriñados polo dramaturgo e director Juan Mayorga.
Este ano a Federación Teatral Afeccionada de Galicia, FeteaGal, organiza esta gala coa colaboración do Concello. O evento terá lugar o sábado 27 de abril a partir das 19.30 horas no Teatro Colón, espazo que acolleu esta mañá a presentación. Ademais de Gonzalo Castro, tamén estiveron presentes Javier Fernández Mariño, vicepresidente de FeteaGal e Laura Bello García e Matilde Blanco Lapido, organizadoras da gala.
Na gala haberá multitude de propostos aos premios, personaxes relevantes das artes escénicas a nivel nacional e contarase coa presenza de Juan Mayorga, premio Princesa de Asturias das Letras 2022. "O Goberno de Inés Rey apostou polo desenvolvemento na Coruña deste evento que busca recoñecer o teatro afeccionado a nivel nacional e autonómico, contribuíndo a fortalecer A Coruña como capital cultural de Galicia", indicou Gonzalo Castro. "Esta é unha aposta pola cultura de base, acollendo por primeira vez na nosa cidade os premios de teatro afeccionado máis importantes de España", engadiu.
Un homenaxe a José Sanchís Sinisterra
Durante a gala nomearase ao dramaturgo José Sanchís Sinisterra como novo embaixador de honra do teatro afeccionado en España. En total, entregaranse 17 premios de diferentes categorías que buscan recoñecer o labor das diferentes persoas implicadas na realización de obras teatrais afeccionadas durante o último ano.
A gala, con motivo do seu desenvolvemento por primeira vez na cidade, terá unha temática relacionada co mar e o oficio da pesca. As invitacións gratuítas pódense conseguir a través de Ataquilla e do despacho de billetes da praza de Ourense.