O (S8) Mostra de Cinema Periférico regresa co Super 8 como protagonista no seu 60º aniversario

ACoruñaXa
A nova edición do festival reunirá a grandes nomes do cinema de vangarda internacional
s8-dep
19 May 2025

O museo Domus acolleu a presentación da XVI edición do (S8) Mostra de Cinema Periférico, que se celebrará entre o 3 e o 8 de xuño na cidade da Coruña. A nova edición do festival reunirá a grandes nomes do cinema de vangarda internacional nunha cita que pon o foco no 60º aniversario do formato Super 8.

O acto contou coa participación da deputada provincial Avia Veira, quen destacou o compromiso da Deputación da Coruña co certame a través da súa liña de subvencións a festivais audiovisuais, escénicos e musicais da provincia. “É un auténtico pracer para a Deputación da Coruña colaborar economicamente un ano máis co Festival S8 de Cinema Periférico. Un festival que cada ano medra, que sempre atopa algo novo, un motivo, un punto, unha realidade diferente: un lugar por onde medrar”, afirmou.

Este ano, a programación incluirá máis de cen pezas de cineastas da península ibérica e de diferentes países, cun total de 30 estreas mundiais e unha presenza maioritaria de obras rodadas en analóxico. A representación feminina será especialmente destacada, ocupando dous terzos do programa. “Cada ano abrides máis e máis o zoom cunha programación cada vez máis ambiciosa e aliñada co obxectivo fundamental da Área de Cultura da Deputación que é a de garantir o dereito á cultura: a creala e a desfrutala”, apuntou Veira.

A deputada subliñou tamén o papel do tecido cultural da provincia, que considera clave para acadar os obxectivos culturais marcados. “Procuramos ese obxectivo coa nosa programación propia mais sobre todo grazas ao tecido cultural da provincia: apoiándoo, como facemos coa organización deste festival”, sinalou, engadindo que “vós democratizades o acceso a pezas audiovisuais únicas coas que a cidadanía da Coruña poderá dar a volta ao mundo, e poderá gozar da creación dun feixe de mulleres que terman do s8 e o proxectan ao presente e ao futuro”.

A Mostra reafirma o seu compromiso coa escena de vangarda latinoamericana, con obras procedentes de países como Chile, Perú, Venezuela, Arxentina, Brasil, Bolivia ou México. Tamén medra a sección Sinais, dedicada a artistas emerxentes, e consolídanse os Desbordamientos, experiencias performativas e de cinema en vivo que xa son unha das marcas de identidade do festival.

A apertura desta edición estará protagonizada por unha sesión especial inspirada nos volcáns, elemento que serve tamén de imaxe para o festival. Neste contexto, Veira agradeceu á organización “darlle voz a cada vez máis talento galego que tamén ve neste formato ese xeito de deixar a súa pegada para sempre”, concluíndo cun agradecemento final: “Grazas por proxectardes cinema periférico desde o centro do mundo; desde A Coruña. Porque a centralidade e a periferia son só cuestións de perspectiva”.

⚙ Configurar cookies
0.37420296669006