O Rocódromo de Riazor será escenario do Campionato Galego de Escalada de Dificultade Cidade da Coruña
O Rocódromo de Riazor será escenario, este sábado 12 de outubro, da celebración do Campionato Galego de Escalada de Dificultade Cidade da Coruña organizado pola Federación Galega de Montañismo e que conta coa colaboración do Concello da Coruña.
Neste caso, o Rocódromo de Riazor, reformado recentemente, é o único de Galicia que dispón de muro de escalada de velocidade con sistema de cronometraxe.
O evento reunirá a 100 deportistas das categorías alevín, infantil, cadete, xuvenil, absoluta e veterán de máis de 40 anos dos que sairán os campións galegos. Os máis destacados poderán optar a formar parte da selección galega de escalada.
En colaboración co Concello da Coruña, a selección adestra neste rocódromo nas modalidades de velocidade e dificultade.
No campionato participarán equipos e clubs federados das provincias galegas, pero tamén acompañados de clubs de Asturias, Castela e León e Estremadura.
Como novidade, nesta competición haberá por primeira vez a nivel galego unha categoría especial de paraescalada, na cal poderán participar persoas con discapacidade intelectual, adaptando a competición para que poidan gozar dun campionato galego.
A competición comeza ás 09.00 horas e poderá entrar de maneira gratuíta todo aquel que o desexe, ata completar capacidade.