O Rocódromo de Riazor acolle este sábado o galego de velocidade de escalada co internacional Erik Noya

ACoruñaXa
O torneo 'Cidade da Coruña' reunirá 45 deportistas das categorías infantil, cadete, xuvenil e absoluta nun muro homologado único en Galicia, con entrada libre ata completar aforo
A CORUÑA campeonato escalada
20 Nov 2025

O Polideportivo de Riazor converterase este sábado 22 de novembro no epicentro da escalada galega coa celebración da competición autonómica de Escalada de Velocidade 'Cidade da Coruña', unha cita organizada pola Federación Galega de Montañismo en colaboración co Concello da Coruña.

A xornada deportiva comezará ás 10.00 horas coas roldas clasificatorias, nas que tomarán parte 45 escaladores e escaladoras das categorías infantil, cadete, xuvenil e absoluta, tanto en modalidade masculina como feminina. As finais están programadas a partir das 13.00 horas e a posterior entrega de premios está prevista para as 13.30 horas.

Entre os nomes máis destacados figura o de Erik Noya Cardona, un dos referentes da escalada galega a nivel internacional, con presenza habitual en campionatos de Europa e do Mundo. Xunto a el competirán tamén dúas das grandes promesas da escalada U-17 en Galicia, Nora García e Iván Pacios, que continúan a consolidar a súa traxectoria como talentos emerxentes desta disciplina.

O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, subliñou que 'A Coruña segue a posicionarse como un referente en deportes emerxentes como a escalada, o que reflicte o compromiso do Goberno de Inés Rey co deporte base e coa posta en valor das nosas instalacións deportivas'.

O Rocódromo de Riazor, recentemente remodelado, consolidouse como un espazo de referencia en Galicia ao dispor do único muro de velocidade homologado e equipado cun sistema de cronometraxe oficial, o que permite acoller competicións de alto nivel. Desde o Concello salientan que o apoio a este tipo de eventos contribúe a dinamizar a vida deportiva da cidade e a fomentar hábitos de vida saudables entre a veciñanza.

A entrada ao campionato será libre e gratuíta ata completar aforo, polo que se agarda a presenza de público afeccionado e curiosos que queiran achegarse a coñecer de primeira man a espectacularidade da escalada de velocidade.

Cartel-CampionatoXGEscalada25-Nov-scaled
⚙ Configurar cookies
0.080912113189697