O Ría do Burgo de Culleredo acollerá en decembro a velada de contacto ‘Mala Fama Fighters 14’

O pavillón municipal Ría do Burgo será novamente o epicentro galego dos deportes de contacto o sábado 6 de decembro, coa celebración da velada ‘Mala Fama Fighters 14’, presentada pola Federación Galega de Kickboxing e Muay Thai e co apoio do Concello de Culleredo, da Xunta de Galicia e de Deporte Galego.
A nova edición do evento, organizado polo Iago Barros Fight Club, manterá o formato que converteu a serie Mala Fama nunha referencia no norte peninsular: unha noite de combates de kick boxing, K1 e muay thai con participación de loitadores galegos e doutras comunidades.
O cartel promocional adianta que o combate estelar será o Alex vs Ragnar, cun cinturón de campión galego de kick boxing en xogo. Ao seu carón prográmanse múltiples cruces en distintas categorías, con duelos en K1 Pro Am e muay thai feminino e masculino, que completarán unha velada pensada tanto para afeccionados expertos coma para público que se achegue por primeira vez a este tipo de espectáculos.
Mala Fama Fighters, creada polo adestrador coruñés Iago Barros, chega así á súa décimo cuarta entrega tras consolidarse con edicións como a celebrada en novembro de 2024 tamén no Ría do Burgo, que reuniu 14 loitas e varios títulos mundiais, europeos e nacionais, ou a ‘Gold Edition’ deste 2025 no Hotel NH Finisterre da Coruña.