O Remo Olímpico Mandeo expón a necesidade dunha instalación de apoio para seguir medrando na ría de Betanzos

O Club de Remo Olímpico Mandeo deu un novo paso para reforzar a súa actividade deportiva coa petición dunha instalación que dea servizo aos deportistas que adestran na contorna da ría de Betanzos. Esa foi unha das principais cuestións abordadas nunha reunión de traballo mantida en Bergondo con representantes da Xunta.
No encontro participaron a delegada territorial, Belén do Campo, a directora territorial da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, Pilar Arias, a presidenta do club, María del Carmen Mesía, e o secretario e adestrador, Manuel Landeira. Durante a xuntanza, os responsables da entidade expuxeron distintas necesidades relacionadas co día a día da súa actividade e coas condicións nas que se desenvolven os adestramentos.
Segundo trasladou a administración autonómica, estudarase a proposta formulada polo club para dotar aos remeiros dun espazo de apoio nun escenario que se ten convertido nun dos puntos de referencia da entidade. O Remo Olímpico Mandeo leva unha década asentando o seu proxecto na ría de Betanzos e gañando peso no panorama estatal.
A progresión do club foi rápida desde os seus primeiros pasos. A súa primeira medalla nun Campionato de España chegou xa en 2016, apenas un ano despois da súa creación. En 2019 asinou un dos capítulos máis destacados da súa traxectoria ao conquistar oito medallas no Campionato de España, cinco delas de ouro.
No balance global, a entidade suma xa máis de 20 medallas nacionais e conseguiu que seis dos seus deportistas fosen convocados pola selección española. Na actualidade, conta con preto de 60 socios e cun equipamento deportivo valorado en máis de 200.000 euros, no que se inclúen arredor de vinte embarcacións.
A reunión serviu tamén para repasar as vías de apoio público ao deporte federado e á actividade dos clubs, nun momento no que o Mandeo busca consolidar o seu crecemento e mellorar os recursos cos que traballa a diario.