O Rally Rías Altas atravesará Aranga este sábado con dous treitos cronometrados

Este sábado, 4 de outubro, Aranga converterase nun dos focos do Rally Rías Altas coa disputa de dous treitos cronometrados no termo municipal. A organización confirmou que o primeiro coche afrontará o TC/SS 1 – Aranga 1 ás 09.08 horas, e regresará para o TC/SS 3 – Aranga 2 ás 11.58 horas, configurando unha mañá de motor moi intensa no concello.
Ademais, a caravana do rally realizará paso de enlace e control por San Cristovo en dúas ocasións: ás 09.28 e ás 12.18 horas, polo que se agardan retencións puntuais e maior afluencia de afección ao longo da mañá. Recoméndase á veciñanza planificar desprazamentos con antelación e seguir as indicacións da organización e das forzas de seguridade.
O Concello lembra a importancia de respectar as zonas acoutadas e manterse sempre en lugares elevados e seguros, nunca en interiores de curvas nin detrás de valados fráxiles. Pídese chegar con tempo, estacionar só en áreas permitidas e non invadir a estrada nin no acceso nin na saída dos treitos.
Para consultar mapas, horarios actualizados e posibles cambios de última hora, a organización dispón de toda a información na web oficial do Rally Rías Altas.