O Radio Club Costa Verde achega o 150 aniversario do Globo de Betanzos ao mundo

O local social de Castro acolle a sede da Asociación Radio Club Costa Verde, que vén de poñer en marcha unha orixinal proposta para difundir a nivel global o 150 aniversario do emblemático Globo de Betanzos.
A alcaldesa, María Barral, e o concelleiro de Participación Cidadá, Ricardo Cheda, visitan as instalacións para coñecer de primeira man esta actividade. Durante o encontro, as persoas integrantes do club amosaron en directo o funcionamento das súas máquinas de radioafeccionado, a través das cales están a contactar con xente de diferentes partes do planeta, levando o nome e a tradición de Betanzos máis alá das súas fronteiras.
A iniciativa pretende unir tecnoloxía e patrimonio cultural, convertendo as ondas de radio nunha canle para compartir unha das festas máis singulares de Galicia.