'O que non se narra non existe'. Falamos con Ana Saavedra, presidenta da Asociación Mirabal, sobre a violencia machista no rural galego

ACoruñaXa
Despois de dezasete anos á fronte da asociación, a fundadora cóntanos o labor de acompañamento integral que realizan con mulleres da contorna de Betanzos e A Coruña
BETANZOS ana mirabal
25 Nov 2025

Por Noelia Uceira Vilar

Con motivo do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, falamos con Ana Saavedra, presidenta da Asociación Mirabal. Supervivinte de violencia de xénero e á fronte da entidade desde hai dezaseis anos, Ana coñece de primeira man as carencias, os medos e os silencios que aínda rodean ás vítimas, especialmente no rural galego. A súa propia experiencia foi o motor que a levou a fundar Mirabal, hoxe referente no acompañamento psicolóxico, xurídico e social a mulleres e aos seus fillos. Desde esa ollada valente e honesta, Ana reivindica a importancia de contar o que sucede, porque, como lembra, 'o que non se narra e non se conta, non existe'.

Como e cando xurdiu a Asociación Mirabal?
Mirabal nace dunha necesidade moi concreta que eu mesma vivín. En 2001 sufrín violencia de xénero nunha época na que aínda non existía a Lei de Violencia de Xénero, que chegou en 2004. Pasei por un proceso moi longo: o xuízo penal foi en 2005 e o divorcio en 2008. En todo ese 'peregrinaxe' decateime de que había un baleiro enorme no acompañamento ás vítimas. A partir desa experiencia e de que cada vez máis mulleres viñan preguntarme 'como fixeches para separarte?, como saíches adiante?', xurdiu a idea de crear a asociación. Mirabal nace, polo tanto, da experiencia en primeira persoa e de ver que facía falta un espazo de apoio real.

Que motivou a súa fundación?
O que a motivou foi, sobre todo, a sensación de abandono que viviamos as vítimas naquel momento. Non había lei específica, non había recursos claros e as mulleres viñan case ás agachadas a pedirme consello: como separarse, como denunciar, como seguir adiante... A iso sumábase o estigma social: comentarios como 'algo farías', 'mereceríalo', 'a miña filla tamén tivo que aguantar'... Todo iso fíxome ver que non podía quedar só co meu caso, que facía falta unha estrutura para acompañar, informar e soster a outras mulleres que estaban pasando polo mesmo.

Por que o nome 'Mirabal'?
O nome 'Mirabal' está directamente ligado ao 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero, que se conmemora en lembranza das irmás Mirabal, das primeiras mulleres que loitaron contra un réxime profundamente machista. Ese nome adóptao a ONU para a data, e eu sentín que tiña todo o sentido que a asociación se chamase así. Ademais, aquí en Betanzos non podía poñer 'Asociación de Vítimas de Violencia de Xénero', porque entón todo o mundo sabería quen son as vítimas que acoden. 'Mirabal' é un nome que só entenden realmente quen traballa nisto (Xunta, CIM, CRIM, centros de atención especializada) e iso protexe as mulleres que veñen.

Cal dirías que é a túa función dentro de Mirabal?
A miña función principal é estar ao seu lado: acompañalas nos procesos, orientalas, coordinar o equipo e ser un pouco o fío condutor entre as súas necesidades, os recursos e as institucións. Incluso empecei a formarme no ámbito xurídico, chegando a estudar Dereito aínda que non rematei a carreira por problemas de saúde. Aínda así, manéxome moi ben en todo o relacionado coa Xustiza e o acompañamento a vítimas.

En que zonas exerce a asociación?
Traballamos en todo o Partido Xudicial de Betanzos e tamén no ámbito de Violencia da Coruña. No Partido Xudicial de Betanzos abarcamos dezaseis concellos, desde Cabanas e Pontedeume ata Sobrado dos Monxes. Ademais, na área específica da Coruña atendemos tamén a mulleres de municipios como Arteixo, Cambre, Oleiros e toda a zona que entra dentro dese partido xudicial.

Cales son os principais retos que enfrontades?
Un dos grandes retos é acompañar as vítimas en todo o proceso sen deixar ningún flanco descuberto: desde o momento en que se plantexan contar o que lles pasa ata a recuperación psicolóxica e social. Chegánnos derivadas de moitas vías (xulgados, Garda Civil, chamadas de amigas, centros de información á muller) e cada caso é moi complexo. Hai medo a denunciar, descoñecemento dos dereitos, cargas familiares, dependencia económica, secuelas psicolóxicas moi profundas e, moitas veces, fillos afectados. Tamén temos que lidar con tempos xudiciais longos na parte penal e coa sensación de angustia que iso xera nas mulleres durante meses ou incluso anos.

Que fai diferente atender no rural fronte ao urbano?
No rural é moitísimo máis complicado chegar ás mulleres. Moitas non teñen carné de conducir e dependen do marido para ir ao médico, á compra ou á farmacia. Son zonas de casas moi separadas onde todo o mundo se coñece: o da farmacia coñece o marido, na tenda tamén… Iso fai que elas se sintan moi vixiadas e con pouco marxe para pedir axuda. Ás veces o propio agresor entra con elas na consulta médica, xustifica golpes e caídas, táchaas de 'tolas' e aíslanas aínda máis. No urbano hai máis anonimato e máis recursos próximos, pero no rural o control e o illamento son un muro enorme.

Que tipo de axuda ofrecédes?
O noso servizo principal é o acompañamento psicolóxico, que adoita ser individualizado porque moitas mulleres do rural non queren grupos nin contar a súa historia diante doutras. Ademais, ofrecemos acompañamento xurídico: resolvemos dúbidas sobre denuncias, ordes de afastamento, medidas civís, custodia, pensións… e explicamos que hai detrás dunha denuncia e que dereitos teñen. Tamén axudamos con todo o papeleo: solicitudes de axudas económicas, trámites de extranxeiría e nacionalidade, citas no INEM/SEPE… Moitas chegan tan anuladas que nin sequera saben pedir unha cita ou darse de alta como demandantes de emprego. E, cando fai falta, tamén cubrimos necesidades básicas: recibos de luz, auga, alimentos, grazas a pequenas doazóns que recibimos.

Como é o proceso desde que unha muller contacta convosco ata o día a día do acompañamento?
Á muller podemos chegar por moitas vías: xulgado, Garda Civil, unha chamada dunha amiga, un CIM… Desde ese primeiro contacto acompañámola en todo. Se decide denunciar, imos con ela á Garda Civil ou á Policía; se hai parte de lesións, acompañámola ao médico; entramos con ela en sala nas vistas rápidas; estamos presentes durante o proceso xudicial e, unha vez pasa esa fase, comezamos a parte máis longa: a recuperación. Aí entran a atención psicolóxica, o apoio para xestionar axudas, formación, trámites administrativos, etc. Non quedamos só en 'pon a denuncia', senón que estamos no antes, no durante e no despois.

Cando unha muller vos chama por primeira vez, que pasa despois?
O primeiro que facemos é unha entrevista inicial comigo e co meu equipo. Nesa entrevista escoitamos a súa historia, analizamos a situación e valoramos que é denunciable, que non o é, que riscos hai e que recursos necesita. Tamén filtramos posibles casos nos que poida haber esaxeración ou confusión (que non é o habitual), porque é importante non animar a unha denuncia sen base. A partir de aí, marcamos un itinerario: se procede, acompañamento a denunciar, derivación a apoio psicolóxico, orientación xurídica e seguimento. Todo desde o respecto e sen xulgar.

Que significado ten para vós o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller?
Para min non é un só día, son os 365 días do ano. O 25 de novembro é unha data simbólica, ligada á memoria das irmás Mirabal e de todas as mulleres que loitan contra a violencia machista. Pero o noso traballo é diario. Ese día, para min, é sobre todo unha homenaxe ás superviventes, ás que están saíndo, ás que queren saír e ás que o están intentando. E tamén un recordatorio de que hai que individualizar cada caso, non meter a todas as vítimas no mesmo saco: cada muller, cada fillo, cada historia ten unha problemática social diferente.

Que actividades facedes arredor desa data?
Facemos actividades durante todo o ano, non só arredor do 25N. Imos a colexios para sensibilizar a menores, traballamos a prevención e falamos de violencia machista de forma adaptada á súa idade. Tamén organizamos terapias sensoriais, porque cremos no poder da música e dos sons para axudar a sanar emocións moi tapadas durante anos. Unha das últimas ideas que estamos poñendo en marcha é unha saída de fin de semana con nenos e nenas que viviron violencia nas súas casas, para que teñan un espazo de lecer, desconexión e respiro. Son criaturas que mamaron esa violencia durante moito tempo e necesitan experiencias positivas que lles lembren que a súa vida pode ser outra.

Que mensaxe vos gustaría lanzar á sociedade e ás mulleres que poidan estar sufrindo violencia?
Á sociedade diríalle que non sexa cómplice. Se escoitas berros, golpes, unha situación estraña no piso do lado ou sabes que no teu barrio hai unha muller sufrindo, abonda con levantar o teléfono. A denuncia pode ser anónima; a policía non vai dicir 'chamou o teu veciño'. Igual que na pandemia faciamos de 'policías de balcón', deberiamos ter esa mesma reacción cando sospeitamos dun episodio de violencia de xénero. E nos traballos, se ves unha compañeira marcada, que baixa o rendemento ou cambia de actitude, preocúpate: hoxe hai protocolos e guías para actuar.

Ás mulleres que sofren violencia diríalles que conten o que lles pasa. Como di unha frase de Pardo Bazán que me encanta: 'O que non se narra e non se conta, non existe'. Non teñen por que vivilo soas. E sempre repito o mesmo: 'Cando o amor aperta, igual que os zapatos, non é a túa talla'. O amor non ten que facer dano nin humillar.

Con que obstáculos vos atopades máis á hora de axudar?
Temos moitos frentes abiertos. No xudicial, a instrución en violencia adoita ser rápida, pero a fase penal ata a condena pode tardar un ano ou ano e medio, e nese tempo a vítima vive con moitísima angustia, pendente de pensións, medidas civís, xuízos… En vivenda, hai problemas co empadroamento porque algúns propietarios non queren empadroar ás mulleres, e sen empadroamento non hai axudas. Ás veces os pisos son dos sogros e están en situación precaria.
No económico, se ela arrastra débedas con Facenda ou Seguridade Social, complícase que reciba axudas ou que poida ter unha conta bancaria. As axudas específicas para vítimas son moi limitadas: hai unha axuda duns 467 euros durante tres anos; se de aí pagas un alugueiro, non che queda practicamente para comer nin para calzar os teus fillos. E logo está o desemprego ou a dificultade para acceder ao mercado laboral tras anos de anulación psicolóxica.

Que recursos farían falta para mellorar a situación?
O primeiro, traballo. Elas non queren vivir de axudas, queren sentirse útiles e ser economicamente independentes do maltratador. Farían falta máis oportunidades laborais, aínda que fosen contratos temporais pero medianamente estables, pensados especificamente para vítimas. Tamén máis recursos para cubrir necesidades básicas (vivenda, subministracións, alimentación) sen tantas trabas burocráticas. E facilidades para que as axudas non dependan tanto de que estean empadroadas ou libres de débedas, porque moitas chegan a esa situación precisamente polo maltrato e a dependencia económica.

Que cambios políticos, sociais ou institucionais considerades urxentes?
No político e institucional, é urxente revisar o acceso á vivenda: agora mesmo piden dúas nóminas, aval bancario, condicións case imposibles para unha muller que acaba de saír dunha relación violenta e que non ten estabilidade económica. Se non a empadroan, non cobra axudas. Haberá que axustar eses requisitos para as vítimas de violencia de xénero e garantir que poidan acceder a un alugueiro digno. Tamén é importante que as institucións entendan que detrás de cada expediente hai unha historia complexa e que a resposta non pode ser a mesma para todas.

Como pode unha persoa ou entidade colaborar convosco?
Pódese colaborar de varias formas. Temos voluntariado, aínda que en zonas pequenas como Betanzos o voluntariado novo é complicado, porque moitas veces son rapaces e rapazas do mesmo pobo e adoitan comentar na casa o que ven, o que choca coa protección de datos e a confidencialidade das vítimas. Tamén se pode axudar con doazóns económicas que sempre pasan polo banco, nunca en efectivo: con ese diñeiro pagamos luz, auga, alimentos e outras necesidades urxentes das mulleres e dos seus fillos. E logo está a difusión: compartir o noso traballo, as nosas actividades, doar xoguetes que logo repartimos… Todo suma e todo axuda a que poidamos chegar a máis xente.

Onde poden atoparvos quen necesite axuda?
Poden atoparnos a través de redes sociais como Facebook e Instagram, e tamén aparecemos en Google e en Páxinas Amarelas. Temos unha páxina web que agora mesmo está en proceso de actualización, porque son moitos anos e hai que revisala. Outra vía é chamar á Xunta: desde alí poden derivar ás mulleres directamente á nosa entidade, onde atoparán teléfonos, correos e localización para poñerse en contacto con nós.

E para pechar, que che gustaría dicirlle hoxe a unha muller que está dubidando en contactar convosco?
Que non teña medo a contarnos a súa historia. Nós non estamos aquí para xulgar a ninguén: non somos Deus nin estamos nos zapatos de ningunha muller. Pode vir aínda que non queira denunciar, aínda que só necesite desahogarse e soltar a mochila que leva ás costas desde hai anos. Non lle imos chamar 'parva' nin lle imos reprochar nada. Só lle diría: cóntao, manifesta o que che está pasando. Faino por ti e polos teus fillos. Temos unha soa vida, e aínda que o camiño sexa duro, disto sáese. E non tes por que facelo soa.

Antes de rematar, gustaríame subliñar que o maltrato non é só físico. Moitas mulleres sofren violencia psicolóxica tan forte que acaban crendo que non valen para nada. Vin xefas de cociña que serven 120 menús ao día e logo chegan á casa e non se ven capaces nin de fritir un ovo porque lles repetiron tantas veces que 'non sabes facer nada' que o cren. Tamén hai abusos sexuais dentro da parella, violacións non consentidas, e nenos e nenas moi pequenos que sufriron abusos. Isto non vai de 'un empurrón un día', vai de anos de destrución emocional e de criaturas medrando nese entorno.

⚙ Configurar cookies
0.095747947692871