O público decidirá os premios do Entroido cunha votación por móbil en Miño

ACoruñaXa
A festa celebrarase o 14 e 15 de febreiro nas Pistas de Rabazal, cun concurso con 1.200 euros en premios e unha xornada familiar o domingo
MIÑO entroido 2026
8 Feb 2026

O Entroido 2026 en Miño chega este ano cun cambio pensado para aumentar a participación: as persoas asistentes exercerán de xurado no Gran Concurso de Disfraces, votando en directo a través do teléfono móbil. O reparto dos 1.200 euros en premios dependerá da puntuación popular nun sistema dixital que se estreará nesta edición.

A programación desenvolverase durante a fin de semana do 14 e 15 de febreiro nas Pistas de Rabazal. O sábado, a celebración arrincará ás 20.30 horas cunha verbena a cargo da Orquestra Saudade. Nesa mesma franxa abrirase tamén a inscrición presencial para quen chegue a última hora, que estará dispoñible ata as 22.00 horas.

O desfile e o concurso botarán a andar ás 22.00 horas, baixo o lema ‘Este ano, o público será o xurado’. Haberá dúas modalidades: a categoría individual (disfraces de 1 a 3 persoas) e a de grupos (comparsas de 4 persoas ou máis). A entrega de premios está prevista para as 23.30 horas, unha vez feito o reconto dos votos.

As inscricións poden formalizarse ata o 13 de febreiro a través do correo cultura.deportes@concellodemino.gal, ou o propio sábado no recinto, entre as 20.30 e as 22.00 horas.

A festa continuará o domingo 15 cunha proposta orientada ás familias. A partir das 17.30 horas celebrarase a Festa de Entroido en Familia, con xogos xigantes, sesión DJ, animación, obradoiros creativos e un photocall para gardar lembranza dos disfraces. Para garantir o evento con independencia do tempo, instalarase unha carpa e haberá baños públicos, ademais de servizo de bar e foodtruck durante toda a fin de semana.

⚙ Configurar cookies
0.06269097328186