O PSOE pide á Xunta que asuma o 50% das axudas ao sector marisqueiro da ría do Burgo

ACoruñaXa
O senador César Mogo destaca a responsabilidade da Administración galega no apoio económico aos profesionais do mar.
Imaxe de Cesar Mogo
29 Out 2024

O senador do PSdeG César Mogo defendeu hoxe na Comisión de Pesca do Senado que a Xunta debería asumir a metade dos fondos necesarios para as axudas aos mariscadores e mariscadoras da ría do Burgo, subliñando que é a Administración “con competencias exclusivas en materia de marisqueo”.

Mogo propuxo que, ademais, o Estado complemente ese apoio económico cun “50% adicional” mentres os bivalvos sementados tras a dragaxe do estuario acadan o tamaño adecuado para a súa comercialización.

O senador lamentou a oposición do PP á proposta, afastándose unha vez máis do proxecto de rexeneración da ría. Recordou que, en 2018, mudaron de criterio e negáronse a participar nas obras.

Mogo destacou que o delegado do Goberno xa informou á Confraría da Coruña que, a pesar de que a responsabilidade do apoio económico recae na Xunta, o Executivo central está disposto a contribuír co 50%.

Os novos fondos engadiríanse aos 3,6 millóns de euros xa destinados durante o proxecto de recuperación. O senador denunciou que a portavoz do PP na comisión “mentiu” ao dicir que non se lles entregaran subvencións aos profesionais que tiveron que parar a súa actividade por mor da dragaxe.

O obxectivo das axudas, resaltou Mogo, é “protexer” aos mariscadores e mariscadoras, e non existen razóns que xustifiquen a actitude “rañicas” da Xunta ao negarse a achegar fondos, o que supón dar a espalda aos profesionais do sector.

0.18611097335815