O PSOE pide á Xunta a creación inmediata de unidades de rehabilitación cardíaca na Coruña e Ferrol

ACoruñaXa
Julio Abalde esíxelle ao Goberno que garanta que todos os pacientes de cardiopatías teñan a mesma facilidade de acceso a unha atención que "aumenta enormemente a calidade de vida"
Julio Abalde e Carlos Piñeiro
14 Nov 2024

O Grupo Parlamentario Socialista vén de reclamar á Xunta que cree unidades de rehabilitación cardíaca nas áreas sanitarias de Ferrol e da Coruña-Cee para garantir que todos os pacientes de cardiopatías teñan "a mesma facilidade de acceso" a este servizo, independentemente do lugar onde residan. A través dunha proposición non de lei debatida na Comisión de Sanidade, Julio Abalde defendeu que todos os galegos e galegas deben poder beneficiarse, cando o precisen, dunha atención "tan importante", dado que "aumenta enormemente a calidade de vida" dos doentes.

Para o deputado socialista, a creación destas unidades é unha cuestión de "vontade política". Abalde destacou que, só na área sanitaria de Ferrol, a incidencia anual de infartos de miocardio supera os 500 casos, e que esas persoas "precisan dunha atención especializada", ao igual que os máis de 3.000 pacientes con insuficiencia cardíaca na zona.

O problema, explicou o parlamentario, é que "estes doentes atópanse totalmente desprotexidos e abandoados polo Sergas", xa que o Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol non dispón dunha unidade de rehabilitación cardíaca. Polo tanto, os pacientes de Ferrol e da área da Coruña-Cee deben desprazarse aos hospitais públicos de Santiago ou Lugo, os máis próximos que dispoñen deste servizo.

Abalde criticou a situación, que conleva "importantes dificultades", xa que os pacientes teñen que realizar os traslados por medios propios ou en transporte público, dado que o transporte sanitario non está dispoñible. Isto implica "un custe adicional que moitas veces non pode ser afrontado polos pacientes, o que incrementa a desigualdade á hora de acceder a servizos públicos esenciais como a sanidade", subliñou o deputado socialista.

O parlamentario insistiu en que a prestación deste servizo "debería ser unha das principais preocupacións da Consellería de Sanidade", e lamentou que a Xunta manteña as áreas de Ferrol e da Coruña sen unha unidade de rehabilitación cardíaca, o que supón unha "desigualdade e agravio manifesto" respecto a outras áreas sanitarias galegas que si dispoñen del.

0.16506004333496