O PSOE denuncia que o PP bloquea a dragaxe do porto de Lorbé e paraliza as obras prometidas

O portavoz de Pesca do Grupo Socialista, Julio Abalde, denunciou o bloqueo por parte do PP da dragaxe no porto pesqueiro de Lorbé, en Oleiros, unha intervención necesaria para retirar os áridos e sedimentos que impedían o uso correcto de boa parte da infraestrutura. Esta crítica xurdiu tras o rexeitamento do PP á proposta presentada por Abalde na Comisión de Pesca do Parlamento, na que instaba á Xunta a executar a obra “á maior brevidade”.
Abalde explicou que a redución do calado no porto limita a operatividade, xa que moitos barcos non poden circular libremente polas zonas afectadas. Considerou “incomprensible” que esta actuación continúe pendente, a pesar de que a retirada dunha rocha en 2022 abrira a porta para a dragaxe, que nunca se chegou a realizar.
O deputado socialista recriminou ao PP que “esquecese” o porto de Lorbé, o único en Oleiros con actividade mariñeira, lembrando que tamén está pendente a ampliación do dique e a construción dos pantaláns, compromisos electorais do 2023 que, “dous anos despois e celebrados os comicios, non teñen nin proxecto, nin ampliación, nin dique nin pantaláns”.
Ademais, lamentou que Portos “segue sen concretar cando se realizará a ampliación e cal é o proxecto para a prolongación do dique”. Abalde engadiu que “nos tememos que esa promesa tamén careza de orzamento a día de hoxe, o que demostra que unha actuación tan anunciada e tan oportunamente prometida só era fume electoral”.