O PSOE de Ordes esixe transparencia e medidas do Concello tras o descubrimento dun criadeiro ilegal

O PSOE de Ordes reclamou ao Concello 'transparencia e actuacións inmediatas' despois de facerse público o desmantelamento dun criadeiro clandestino no municipio. A agrupación local amosou a súa preocupación polo 'brutal caso de maltrato animal', no que se localizaron centos de animais mortos e outros en estado crítico.
O grupo socialista lembra que a administración local é competente en benestar animal, saúde pública e control de instalacións, polo que debe inspeccionar criadeiros, revisar licenzas e autorizacións, sancionar irregularidades e intervir ante situacións de abandono ou maltrato. Tamén piden campañas de información e concienciación para a cidadanía sobre os dereitos dos animais e a normativa vixente.
O PSOE critica que o Concello non ofrecese información á veciñanza sobre o estado do caso, 'xerando especulacións e inquedanza'. Para clarificar os feitos, o Grupo Municipal Socialista formulará preguntas no próximo pleno sobre a información de que dispoñía o Goberno local e se existiron queixas veciñais previas.
A formación insiste en que o foco debe estar na prevención e no reforzo dos mecanismos de control municipal, incluíndo a revisión das ordenanzas, para evitar que situacións semellantes poidan repetirse en Ordes.