O PSOE de Oleiros ve na moción de censura en Carral a confirmación do esgotamento de Alternativa dos Veciños

A Agrupación Socialista de Oleiros relaciona a recente moción de censura en Carral co proceso de descomposición que estaría a atravesar Alternativa dos Veciños (AVV), partido nacido en Oleiros da man de Ángel García Seoane, e coa estratexia do Partido Popular de 'aproveitar calquera oportunidade' para aumentar a súa presenza institucional.
Segundo os socialistas oleirenses, AVV chegou a un fin de ciclo marcado pola ausencia dun proxecto sólido, pola dependencia dunha rede clientelar sufragada con fondos públicos e por un uso “desmedido” de recursos municipais en publicidade e propaganda. Lembran tamén que o Consello de Contas de Galicia advertiu recentemente de irregularidades na contratación do Concello de Oleiros, o que consideran un síntoma máis do esgotamento do modelo de goberno de Seoane.
'Alternativa só funciona mentres pode soster un discurso populista apoiado en grandes cantidades de diñeiro público destinadas a vender unha imaxe irreal de boa xestión', sinalan desde o PSOE, que tamén inciden en que en Oleiros a calidade dos servizos públicos caeu ao tempo que aumentaban impostos e taxas.
En relación coa moción de censura en Carral, o PSOE de Oleiros considera que se trata dunha manobra política que non respecta a vontade das urnas. Para a agrupación, o PP tenta capitalizar a crise de AVV pescando entre cargos e ex-cargos que foron recrutados por Seoane en distintos concellos e que agora 'abandonan a nave ao ver como se afunde'.
Os socialistas conclúen que o que comezou como un proxecto político en Oleiros 'derivou nunha estrutura piramidal ao servizo dun líder' e que hoxe se atopa en claro retroceso, tanto dentro como fóra do municipio.