O PSOE de Oleiros respalda as mobilizacións do CEIP Valle Inclán e denuncia os recortes en educación e nas becas comedor

O PSOE de Oleiros anunciou o seu apoio ás novas mobilizacións da comunidade educativa do CEIP Valle Inclán e esixiu máis profesorado e recursos para o centro. Os socialistas reiteran que estarán 'sempre defendendo un ensino público e de calidade' e reclaman á Xunta que poña á disposición do alumnado os medios humanos e materiais necesarios para garantir unha educación equitativa.
A agrupación critica tamén a política municipal en materia de axudas ao comedor escolar. Denuncian que para o curso 25/26 o Concello reduciu 'ata a terceira parte' o número de becas comedor concedidas tras endurecer os baremos. Segundo os datos do propio PSOE, presentáronse 134 solicitudes, das cales se denegaron 75, houbo 14 desistencias e só se concederon 45 axudas, das que 17 cobren o 100 %, 17 o 60 % e 13 o 40 %.
O partido lembra que xa no curso 24/25 se deixara sen axuda ao 80 % das familias solicitantes e que o cambio de tramitación das becas, agora xestionadas por Servizos Sociais en lugar de Educación, supón un estigma que desanima a moitas familias a solicitalas.
'Non chega con presumir de políticas sociais mentres se deixan fóra ás familias con máis dificultades', sinalan desde a agrupación, que advirte de que levarán estes recortes ao próximo pleno municipal.
O PSOE conclúe que sen educación pública de calidade e sen apoios reais ás familias 'non hai igualdade de oportunidades' e esixe tanto á Xunta como ao Concello de Oleiros un cambio de rumbo que poña no centro as necesidades da cidadanía.