O PSOE de Oleiros reclama un novo centro de saúde en Mera e medidas en materia de vivenda

O grupo municipal socialista de Oleiros vén de presentar unha proposta para ser debatida no Pleno co obxectivo de facer fronte á crecente dificultade de acceso á vivenda no municipio. A formación aposta por que o Concello se sume ás medidas impulsadas polo Goberno do Estado na recente Conferencia de Presidentes, que buscan paliar esta problemática a nivel nacional.
“Ante a problemática do acceso á vivenda en Oleiros hai que adoptar medidas. Por iso propoñemos apoiar as propostas presentadas polo Goberno do Estado para tratar de paliar o problema da vivenda na recente Conferencia de Presidentes e, ante a negativa do Goberno da Xunta de aceptalas propoñemos, acordar dende o Pleno do Concello de Oleiros dirixirse o Goberno do Estado transmitindo o interese deste Concello en recibir a cuota que lle correspondería para financiar a vivenda de protección”, sinalan desde o PSOE local.
A formación socialista tamén critica a xestión urbanística da Alternativa dos Veciños (AVV), á que acusan de reducir nun 530 % o solo reservado para vivenda protexida. Ante isto, propoñen recuperar esa porcentaxe e establecer que no ano 2026, polo menos o 15 % do chan residencial se destine a este tipo de vivendas.
Por outra banda, os socialistas poñen o foco na situación sanitaria do norte do municipio, especialmente na parroquia de Mera. Segundo denuncian, a resposta da Xunta, a petición de AVV, baséase en “parches” que non resolven os problemas estruturais. “Neste campo hai que ser ambiciosos e esixir ao Concello de Oleiros que poña a disposición do Goberno Autonómico chan para a construcción dun novo Centro de Saúde en Mera con espazo suficiente para un aparcadoiro”, conclúen.
Desde a Agrupación Socialista de Oleiros defenden que estas medidas son imprescindibles para garantir o dereito á vivenda e á sanidade pública nun municipio que segue medrando e afrontando retos sociais e demográficos.