O PSOE de Oleiros propón homenaxear a Suso Díaz e Suso Mosquera cun espazo no municipio

ACoruñaXa
A proposta busca preservar o legado destes dirixentes e transmitir ás novas xeracións a loita polos dereitos laborais e sociais
Casa do Concello de Oleiros
10 Jul 2025

O PSOE de Oleiros anunciou a súa intención de solicitar formalmente que se dedique un espazo público en memoria de Suso Díaz e Suso Mosquera, dúas figuras históricas do sindicalismo galego recentemente falecidas. A proposta nace coa vontade de preservar o legado de ambos dirixentes e de transmitir ás novas xeracións a importancia da loita polos dereitos laborais e sociais.

“Os traballadores galegos hoxe, de novo, estamos de loito ante o falecemento de Suso Díaz, un dirixente histórico que, desde CCOO, loitou pola mellora social no noso país. Igualmente hai que lembrar o legado do tamén finado Suso Mosquera, que fixo o propio desde UXT”, expresan os socialistas de Oleiros.

O partido denuncia ademais o actual clima de descrédito cara aos sindicatos, alimentado desde sectores da dereita e da extrema dereita: “Na actualidade prendeu o discurso, alimentado desde dereita e extrema dereita, da falta de necesidade dos sindicatos, impulsando entre a xente nova o descrédito dos sindicatos para que no seu modelo de ‘lei da selva’ neoliberal cada un mire unicamente polo seu propio interese, o que debilita as posibilidades de mellora social do colectivo de traballadores”.

Neste contexto, desde o PSOE de Oleiros defenden a vixencia e relevancia do papel sindical na sociedade democrática: “Quen respectamos as normas e a democracia deberíamos ter sempre presente que a nosa Constitución confire aos sindicatos, e ás asociacións empresariais, dentro do marco do Estado social e democrático de Dereito, un papel relevante manifestado no artigo 7 onde consagra o seu papel como organizacións básicas para a defensa e promoción dos intereses económicos e sociais. E no art. 28 formula o dereito de liberdade sindical como un dereito fundamental, recollendo tamén o dereito de folga”.

Con esta iniciativa, o PSOE local quere render tributo a dúas figuras esenciais para a historia recente do movemento obreiro galego: “Somos o que somos grazas aos que estiveron antes, e por iso solicitaremos formalmente o recoñecemento público da sociedade dedicándolles a Suso Díaz e Suso Mosquera, o máis axiña posible, un espazo en Oleiros. Para que as novas xeracións coñezan a nosa historia e cimenten así un futuro mellor para todos”.

 

⚙ Configurar cookies
0.15076208114624