O PSOE de Oleiros pide reiniciar o modificativo do Multiusos tras detectar erros graves no expediente

A Agrupación Socialista de Oleiros vén de rexistrar no Concello unha solicitude para que se reinicie a tramitación do novo modificativo de crédito destinado ao edificio multiusos, por un importe de 1,4 millóns de euros. Segundo explican, ao revisar o expediente detectaron erros que consideran de gravidade, así como a ausencia de documentos que xustifiquen por que, facendo menos obra, a cidadanía tería que asumir un sobrecusto tan elevado.
O PSOE critica que, coa nova modificación, o investimento global no Multiusos superará xa os 15 millóns de euros, a pesar de eliminar o lucernario cenital previsto, substituír a cuberta vexetal por grava, reducir a potencia dos paneis fotovoltaicos e trocar a instalación de xeotermia por outra de aerotermia, tecnoloxía que lembran ten un custo aproximado da metade. Para a formación, resulta escandaloso que se incremente o orzamento mentres se rebaixa a calidade e se renuncian a elementos singulares do proxecto inicial, algo que vinculan ás subas de impostos e taxas municipais.
No terreo estritamente administrativo, os socialistas sinalan que no expediente non figura o desglose detallado de medicións e importes que debería explicar a orixe dese incremento de 1,4 millóns. Tampouco aparece o informe de necesidade do gasto. Ademais, denuncian que se dá por feito que os cambios foron aprobados nun Pleno celebrado en setembro de 2025, extremo que, segundo lembran, nunca se produciu. O arquitecto director da obra fai referencia a esa suposta aprobación, e tanto o informe xurídico como o de fiscalización baséanse nesa premisa, o que para o PSOE supón construír unha especie de ficción administrativa.
A Agrupación Socialista reclama que se acheguen as actas municipais nas que conste, se é o caso, a aprobación plenaria das modificacións, e que, de non existir tal acordo, se proceda a reiniciar o expediente incorporando toda a documentación necesaria que dea cobertura legal ao gasto. 'Falamos de 1,4 millóns de euros dos veciños e veciñas, non é unha broma', advirten no comunicado remitido aos medios.
Para rematar, o PSOE de Oleiros cuestiona a facilidade coa que, ao seu xuízo, se avalan cambios que aumentan custos e reducen calidade cando se trata do Multiusos, e insiste en que a tramitación desta obra 'daría para unha tese' polo número de modificacións e correccións que acumulou. Por iso piden máis transparencia, rigor técnico e respecto polos procedementos á hora de xestionar un investimento desta envergadura.