O PSOE de Oleiros levará ao pleno unha iniciativa para reclamar a reparación das estradas e acabar coas 'fochancas'

O PSOE de Oleiros anunciou que presentará no próximo pleno municipal unha proposta para instar a mellorar o estado das vías públicas do municipio e, ao tempo, esixir intervencións nas estradas que dependen doutras administracións (Estado, Xunta e Deputación). A formación asegura que os temporais deste inverno agravaron as deficiencias e que 'non se salva ninguén' en materia de mantemento.
Entre os exemplos, os socialistas sinalan a presenza de vexetación nos laterais da N-VI e denuncian que os 'plumachos' chegan a invadir zonas próximas á Avenida das Mariñas, mesmo preto dun radar. No caso das estradas autonómicas, apuntan á AC-183, que conecta Arillo con Sada, da que afirman que presenta treitos con firme deteriorado e desprendementos, árbores pegados á calzada e ausencia de beirarrúas. Tamén advirten de que as cunetas supoñen un risco en caso de saída de vía e aseguran que xa se rexistraron accidentes.
En canto ás vías da Deputación, a agrupación menciona a DP-5812, entre Santa Cruz e Sada, unha estrada de uso intenso onde, segundo indican, foron desaparecendo os pivotes protectores de madeira sen reposición e comezan a detectarse zonas con afundimentos.
Sobre as vías de competencia municipal, o PSOE fala de problemas recorrentes: raíces que levantan o pavimento, falta de beirarrúas, marcas viarias case inexistentes e un firme en mal estado que, na súa opinión, agrava a inseguridade, especialmente en áreas con iluminación escasa.
A iniciativa que levarán ao pleno inclúe pedir ao Goberno local que reforce o mantemento das vías do Concello e que reclame de inmediato ás outras administracións as actuacións pendentes. No caso da AC-183, os socialistas sosteñen que a reparación debería ser integral e urxente e, se non é posible, propoñen o peche provisional con sinalización explicativa.