O PSOE de Oleiros leva ao Pleno mocións contra o "expolio" da AP-9

ACoruñaXa
O grupo socialista rexistra outra moción para a posta en marcha dun Portal de Transparencia no Concello
Casa do Concello de Oleiros
26 Jul 2025

O grupo socialista de Oleiros rexistrou dúas mocións que serán debatidas no próximo Pleno municipal, centradas en dúas demandas que consideran “urxentes e necesarias” para mellorar a vida da veciñanza: a liberalización da AP-9 e a posta en marcha dun Portal de Transparencia no Concello.

Nun comunicado, os socialistas denuncian que “o Concello de Oleiros está a perdoarlle á concesionaria da AP-9, Audasa, 60.934,57 euros do diñeiro dos veciños e veciñas” ao bonificarlles o 95 % do IBI. Por iso, propoñen que se esixa ao Goberno central a liberación da autoestrada e que se retire de inmediato esa bonificación fiscal. “Pedirémoslle ao Pleno que esixa ao Goberno Central a liberalización da AP-9 e que Audasa deixe de encher o peto á nosa conta”, afirman.

A segunda moción está centrada na transparencia institucional. O PSOE lembra que o Consello de Contas de Galicia “tirou das orellas a Alternativa dos Veciños pola súa xestión opaca” e pediu a creación dun Portal de Transparencia en Oleiros. Nese sentido, a moción reclama a activación inmediata dese portal e a publicación de información clave para o seguimento cidadán, como os currículos do alcalde, concelleiros e asesores, os niveis de execución orzamentaria, e memorias de xestión que detallen custos, rendementos e obxectivos acadados.

“Dado que son temas relevantes que permiten mellorar a vida dos oleirenses esperamos que o alcalde e os concelleiros estean á altura e permitan o debate para contrastar puntos de vista sobre a súa xestión se non teñen nada que ocultar”, conclúe o grupo municipal socialista. A votación destas mocións terá lugar no Pleno previsto para os próximos días.

⚙ Configurar cookies
0.16243100166321