O PSOE de Oleiros leva ao Pleno a liberalización da AP-9 e o fin das bonificacións fiscais a Audasa

ACoruñaXa
A proposta socialista busca un posicionamento claro sobre o papel do Concello no tratamento fiscal ás grandes concesionarias
Imaxe da casa do Concello de Oleiros
21 Jul 2025

O grupo municipal socialista de Oleiros anunciou a presentación dunha moción no vindeiro pleno para esixir ao Goberno central que liberalice a AP-9 tras a resolución da Comisión Europea que declara ilegal a prórroga da concesión aprobada polo Partido Popular no ano 2000. Ademais, reclaman que o Concello poña fin á bonificación do 95 % do IBI a Audasa, que supón, segundo denuncian, "regalar 60.934,57 euros dos veciños".

Na moción, os socialistas sinalan que “é o momento de esixir ao Goberno central a liberalización da AP-9 e facer que Audasa deixe de encher o seu peto á nosa costa”, logo da decisión de Bruxelas, que, segundo din, “deixa claro que o PP actuou en contra dos galegos e galegas impoñéndolles unha carga inxusta e ilegal”.

Critican tamén que a concesionaria obtivese "210 millóns en beneficios" en 2024 grazas a unha concesión "ilegalmente prorrogada durante un cuarto de século coa complicidade do PP".

No eido local, os socialistas acusan ao goberno municipal de Alternativa dos Veciños de manter privilexios fiscais á empresa concesionaria da AP-9: “É o momento de esixir que se bote abaixo o regalo que o Concello de Oleiros está facendo aos xestores da AP-9, aos que está bonificando o 95 % do IBI”, insisten, reiterando que esta decisión implica unha perda de máis de 60.000 euros nas contas públicas.

A moción tamén inclúe unha crítica ao tratamento fiscal desigual entre veciñanza e grandes empresas: “Inxustiza similar á que fai subíndolle o IBI un 10% aos veciños mentres está a bonificarlle o 90 % ás promotoras urbanísticas”, afirman.

Finalmente, lembran que “a bonificación á Autoestrada deixou de ser obrigatoria hai máis dun ano”, polo que conclúen: “Ou ben Alternativa non se entera ou ben quere regalar os cartos dos veciños, o que é gravísimo e escandaloso en ambos casos”.

A proposta será debatida no pleno municipal co obxectivo de forzar un posicionamento claro do goberno local e do resto de forzas sobre o papel do Concello no tratamento fiscal ás grandes concesionarias.

⚙ Configurar cookies
0.29790592193604