O PSOE de Oleiros esixirá explicacións sobre os “delitos confesados” polo alcalde en acto público

ACoruñaXa
Desde o grupo socialista avanzan que solicitarán formalmente a información no próximo Pleno municipal
Casa do Concello de Oleiros
21 Jul 2025

O Grupo Municipal Socialista de Oleiros vén de anunciar que solicitará oficialmente máis información sobre os presuntos delitos recoñecidos en público polo alcalde, Ángel García Seoane, durante un acto celebrado o pasado 18 de xullo.

Segundo denuncia o PSOE, durante a inauguración dun espazo público, García Seoane afirmou ter “desarmado a un axente da lei para ameazar cunha arma cargada a un traballador”, unha declaración que os socialistas cualifican como “gravísima” e que “merece unha resposta institucional inmediata”.

“Trátase de delitos gravísimos e queremos coñecer, á marxe da súa prescrición, se houbo denuncias por parte do traballador e do axente, que de non facelo desatendeu as súas obrigas ante a comisión dun delito flagrante por parte dunha persoa con longo historial”, sinalan os socialistas.

O PSOE de Oleiros tamén recorda outro episodio recente: “As ameazas de morte que dirixiu hai un ano nun Pleno a un concelleiro socialista non son cousa puntual, senón un episodio máis da maneira que ten esta persoa, que presumía publicamente de ir armado, de conducirse pola vida”.

A formación lamenta que “o 18 de xullo é propicio para que os nostálxicos dos réximes totalitarios saquen a relucir o peor de si”, e engaden: “Queremos saber cantos delitos máis coñeceremos unha vez que o ínclito considere que están prescritos”.

Para os socialistas, “é unha vergoña para os veciños de Oleiros que este personaxe sexa un cargo público que viviu, e xerou un inxente patrimonio, a costa dos seus veciños. Episodios como este, máis propios dun padriño da camorra, dan carta de veracidade ao que moitos veciños nos contan en privado”.

O PSOE asegura que leva dous anos sufrindo “ameazas, malos modos e presións de todo tipo para intentar impedir que fagamos o noso traballo serio e rigoroso de control, fiscalización e de presentación de propostas para mellorar a vida dos veciños”. E deixan claro que “acostumado a sementar o medo, séntese incómodo porque somos impermeables ás ameazas e non imos ceder no noso compromiso cos veciños”.

Desde o grupo socialista avanzan que solicitarán formalmente a información no próximo Pleno municipal: “Queremos saber quen foi o axente ao que desarmou, se houbo denuncia, se se comunicou á Fiscalía, ou se polo contrario se ocultou, o que sería gravísimo e totalmente contrario á lei”.

A formación conclúe que “a responsabilidade política non é a xudicial” e avisa: “Queremos coñecer cantos delitos máis están a ocultar o alcalde e o seu entorno, relacionados coa súa particular maneira de pensar que as leis son para os demais”.

⚙ Configurar cookies
0.19768595695496