O PSOE de Oleiros denuncia falta de transparencia na xestión das vivendas protexidas

ACoruñaXa
Os socialistas trasladan que o Concello non responde ás súas preguntas sobre o proceso de elaboración das listaxes de adxudicación
Imaxe da casa do Concello de Oleiros
5 Mar 2025

O PSdeG-PSOE de Oleiros denuncia a grave problemática da dificultade de acceso á vivenda no municipio, que afecta de maneira directa aos veciños e veciñas do concello. Indican os socialistas que a situación é tan preocupante que mesmo a empresa redactora da Axenda Urbana 2030 de Oleiros recoñeceu que, sen querer, estaba contribuíndo á expulsión dos oleirenses, impedíndolles a posibilidade de desenvolver o seu proxecto vital na súa terra natal.

Continúan expoñendo que foi o propio Concello de Oleiros quen, o 27 de marzo de 2024, habilitou un enlace para que os veciños puideran optar a participar en cooperativas de vivendas en Perillo, Dorneda e Mera, difundindo a información a través de diversos medios e da súa páxina web. Neste contexto, o PSdeG-PSOE tamén quixo poñer luz sobre o proceso de adxudicación destas vivendas protexidas, rexistrando unha solicitude para acceder a varios datos do expediente, como o listado de demandantes de vivenda, o rexistro de entrada das solicitudes, a orde de chamadas realizadas para ofertar as vivendas e os protocolos utilizados na comunicación coas persoas demandantes.

A resposta recibida polo alcalde de Oleiros non resolve ningunha das cuestións formuladas polo PSdeG-PSOE. O alcalde limitouse a explicar que a promoción de vivendas de protección se adxudica a través dun concurso público a unha promotora, que ten a responsabilidade de construílas conforme ás bases e prezos estipulados pola Xunta, deixando a xestión das cooperativas a cargo das propias entidades implicadas. Esta resposta, que non aclara nada, só engade máis dúbidas e especulacións sobre un proceso que debería ser transparente.

O PSdeG-PSOE de Oleiros considera que esta actitude do alcalde é unha burla aos veciños e veciñas do municipio, que merecen saber como se xestiona o acceso á vivenda no seu concello. Desde o partido denuncian a falta de transparencia e comprométense a non deixar pasar este feito sen seguir esixindo respostas claras e xustas para todos os cidadáns de Oleiros.

⚙ Configurar cookies
0.0883948802948