O PSOE de Oleiros denuncia a vulneración dos seus dereitos políticos

O grupo municipal socialista de Oleiros vén de presentar un recurso formal fronte ao que cualifican como unha “actitude caciquil e pre-democrática” por parte do alcalde de Oleiros, ao impedirlle reiteradamente exercer os seus dereitos políticos no Pleno municipal.
Segundo denuncian os socialistas, no último Pleno celebrado en marzo, o rexedor impediu o debate de dúas mocións presentadas polo grupo: unha orientada á creación dun Observatorio contra a Pobreza e outra que instaba a mudar a política de vivenda no concello, cualificada polos socialistas como “fracasada”. Ambas propostas, indican, incluían medidas concretas e solucións “con ideas frescas” para mellorar a vida da veciñanza.
"O alcalde exerce con modos pre-democráticos e salta frecuentemente a lei, como recollen diferentes sentenzas e asuntos actualmente abertos", denuncian desde o PSOE, engadindo que a Presidencia do Pleno está obrigada a respectar os dereitos fundamentais á participación política e ao pluralismo, tal como recolle a Constitución Española (art. 23 CE e 9.3 CE) e a lexislación ordinaria (art. 46.2.e da LBRL).
O partido considera que impedir a lectura, debate ou votación de mocións que cumpren cos requisitos legais é unha “extralimitación das potestades presidenciais” e unha clara vulneración dos dereitos políticos dos representantes e dos veciños e veciñas que os elixiron.
Nesta liña, critican tamén o papel de Alternativa dos Veciños afín ao goberno municipal, acusándoa de desviar a atención cara a competencias da Xunta mentres se evita o debate sobre cuestións locais, como a xestión urbanística e os prezos da vivenda. “Mentres os promotores inmobiliarios de sempre sacan tallada, expúlsase á xente nova e créanse máis problemas de tráfico e servizos”, apuntan.
Desde o PSOE de Oleiros aseguran que chegarán “ata onde faga falla” para defender os dereitos políticos da veciñanza e que seguirán traballando “con propostas centradas nos problemas reais da cidadanía”.