O PSOE de Oleiros denuncia a falta de mantemento dos espazos públicos e critica a pasividade do Goberno local

A agrupación socialista de Oleiros volveu pór o foco no deterioro progresivo dos espazos públicos do municipio, denunciando que a suciedade arredor dos contedores e o abandono do mantemento en paseos e zonas de madeira se converteron nun problema estrutural. Os socialistas apuntan directamente ao Goberno local e á AVV, ás que acusan de desatender as súas obrigas de xestión mentres derivan responsabilidades a outras administracións.
O PSOE lembra que o contrato de recollida de lixo, un dos máis custosos do Concello con 4,5 millóns de euros, xa fora anulado polo TACGAL por graves irregularidades na súa adxudicación. 'O executivo municipal responsabiliza ao Consorcio das Mariñas dos incumprimentos na limpeza dos contedores, pero cala sobre o estado das rúas, que si son competencia súa', critican. A formación considera intolerable que se acumulen residuos perigosos durante días sen actuar, 'mentres se invita á veciñanza a denunciar aos incívicos, abdicando das funcións propias dun goberno local'.
No relativo ao mantemento de paseos e estruturas de madeira, denuncian que a falta de tratamento fai que rematen por apodrecer e seren substituídas aos poucos, sempre mediante contratos menores e adxudicados 'ás mesmas empresas de sempre'. Como exemplo, sinalan a contorna da pista polideportiva de Meixonfrío, en Santa Cruz, onde numerosas escaleiras e varandas presentan un estado de deterioro avanzado.
Os socialistas lembran que en abril de 2024 xa presentaron unha proposta integral para mellorar o sistema de mantemento, reducir custos e limitar a contratación discrecional. O plan contemplaba dividir os traballos en ordinarios e extraordinarios, con unidades de obra previamente valoradas e pagos vinculados á certificación mensual, o que, segundo defenden, permitiría un aforro importante e unha maior axilidade. Con todo, a iniciativa non contou co apoio da AVV, que 'prefire continuar fragmentando os contratos en pequenas actuacións para adxudicalas sempre ás mesmas empresas', un feito que, segundo subliñan, tamén foi advertido polo Consello de Contas de Galicia.